A igrexa devecía por voar, anduriña de ás tendidas, adros abertos dispostos
para o vóo. Santa María de Mera saía da néboa no perfil dun Hawker 1127 co
morro erguido ao ceo en espadaña. As rédeas dos sinos estaban atadas a un tilo
remansado a carón da reitoral, porque a igrexa tamén era cabalo, trabado para
non fuxir. Cabalo, anduriña, avión de combate, psicopompos maxinados na silueta
dunha igrexa hoxe fendida e manca de estribor. Nos vellos días de treboada o
tilo xogaba a ser sancristán, tanxendo as campás atolecidamente, e a igrexa
enchía o peito para lle bisbar ao vento fermosas palabras nunha lingua que daquela
entendiamos, pero que xa esquecemos para sempre.