jueves, 20 de abril de 2017

Minguante


‘Porfavor, porfavor, porfavor’ pregueille. ‘Vale, dacordo’ contestou o meu abó, engadindo á miña nai: ‘María, a nena virá comigo mañá’. ‘Ben’, pensei, ‘conseguino’. Sempre quixera acompañar ao meu vello á leira do río, onde ía pola mañanciña apañar mazarocas para o silo, montando no tractor coma un rei na carroza, saudando polas corredoiras. O meu abó era unha persoaxe, grande e forte, cunhas mans de medio ferrado. ‘É moito cedo’, queixouse a miña nai, ‘a nena non ten idade para tanta trapallada’. Eu tiña dezaseis anos e miña nai habería de saber que, a partires disa idade, a xente nin medra nin cambia. Protestei polas súas reservas e non me escoitou; por sorte, o meu abó tampouco non escoitou as queixas da súa filla e mantivo a súa palabra. Isto de non escoitarmos uns aos outros é cousa de moita tradición e utilidade.

Acordei as cinco da mañá, aínda noite pecha. O abó despertoume acariñándome a perna; non fixo falta máis nada. De contado xa estaba vestida, coa cara lavada e papando na cociña unha cunca de leite con broa. ‘Estás lista?’ preguntoume o meu aboiño, ‘vou polo tractor’. Púxose o abrigo e saiu da casa, para regresar montando o John Deere verde, armando un boureo de moita categoría; os focos do tractor alumeaban a eira toda, facendo fuxir á grea de gatos que adurmiñaban no pendello.  

Fíxome subir ao tractor. Facía un frío de besta. Isto de traballar de noite, pensei, eu non o vexo. ‘Por qué imos tan de noite, abó?’ O meu abó apertoume cara si. ‘Así aproveitamos máis o día, miña rula. Ademáis, no relente da mañanciña, a seitura é mais doada’ contestoume mentres entoaba unha cantiga de arrieiro. O meu abó adoitaba ir sempre só e noteille que, se cadra por iso, gustaba da miña presenza; estaba feliz. O movemento do tractor levábame dun lado para outro, pero non me importaba; a viaxe ao río semellábame unha aventura insuperable.

Co ceo aberto, marchabamos alumeados por un luar despexado, largo e azul. ‘Mira a lúa, rapaza, que fermosura’. Tiñamos unha media lúa enriba de nós. ‘Esta crescente, abó, fáltalle un anaco’. O vello riu con ganas. ‘Cáseque acertas, rapaza, é minguante e non crescente’. Eu calei avergoñada, que máis daría unha cousa ou outra?

‘Recordo unha noite, hai moitos anos’, contou entón o meu abó, ‘iamos na traseira dun camión nesta hora do mencer, si, mesmo sería por este camiño do río. Tiñamos a mesma lúa que hoxe e eu preguntei o mesmiño ca ti, que che parece? ¿Será crescente? De primeiras, ninguén dixo ren pero máis tarde escoitei unha voz que dicía: ‘é minguante’. Pregunteille logo: ‘¿e ti que saberás, nugallán, se vas cos ollos vendados?’ e o outro contestoume ‘a lúa de mencer sempre é minguante’. Así que xa sabes, miña rapaza: a lúa de mencer nunca é crescente. Sempre se aprende alguna cousa nova’.

Chegamos á leira do río coas primeiras raiolas do sol. Apañamos o millo, voltamos á casa para xantar, muximos as vacas e, despois da merenda, regresamos a Santiago. Non volvín máis nunca.
 
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario