jueves, 28 de enero de 2016

Entroidada


Muller loura, pelo peiteado en ondas, chaquetón de tres cuartos,  fumando na barra. Elegancia que ven de fóra. Na taberna miserenta, apenas media ducia de homes embozados ata as orellas, cubríndose da humidade da tarde e do frío mortífero do local, atendendo caladiños a cadansúa cunca de viño. O perfil da muller aporta algo de color, marengo, á escena; ninguén a mira, pero todos os ollos parecen esguellarse cara ela. Na parede, un reloxo de péndulo e un calendario do ano 1943, aberto pola folla de xaneiro. Soa baixiño, cun leve chispeo eléctrico, o eco dunha panxoliña na radio. Nunha pizarra, un ‘Feliz ano’ en trazo de xiz. 

-‘Mire unha cousa que lle quería dicir, vou camiño da chousa do Fabeiro’ -dixo a muller ao taberneiro.

-‘Vai ben, miña señora, non está moi lonxe de aquí’.

O taberneiro retornou ás súas cousas, secando vasos cun farrapo.

-‘Disculpe, non me expresei ben, o que quería preguntarlle, se sería tan amable de mo dicir, é se vostede sabe o camiño para a chousa’.

-‘Ten boa dúbida, señora. Como non o vou saber se eu nacín en Ordes, e pasei toda a miña vida nestes camiños do demo! De Ordes a Mesía eu camiño de noite, non sei se me entende. E pola chousa do Fabeiro estou farto de pasar, claro, claro, como non!’

O taberneiro regresou de novo ao traballo, secando máis vasos.  

-‘Disculpe, vai disimular a miña torpeza, que non sei explicarme nin vostede quen de entenderme. O que realmente quería preguntarlle é se sería tan amable de indicarme o camiño á chousa’ -insistiu a muller.

-‘Claro que si!; non se me enfade, non lla entendín’ -respondeu o taberneiro, sorrindo; tomou un pitillo e proseguiu-: ‘E logo din que os galegos non falan ao dereito... Eu digo, e os casteláns? Quere que lle diga como ir, pois mo pregunta e eu dígollo, que non hai misterio. Sen problema, eh? Outro tema é que na chousa non hai nada que ver, pero si quere ir, lévoa’.

-‘Non hai nada?’ -preguntou a muller.

-‘Quero dicir, haber, haber, hai unha chousa, a ver se me entende; quedan tamén unas pedras que foron dunha casa, pero xa nada… se cadra algún muro de silvas, nada, nada…’.

-‘E sabe de quen é a chousa?’ -reiterou a muller.

-‘Moitas preguntas me fai, miña señora, que non sei de onde me veñen nin cara onde van. De quen vai ser a chousa do Fabeiro? Pois sería do Fabeiro, non será? Velaí, xa o sabe. Quérea mercar?’

-‘Pois, se lle digo a verdade, aínda non sei se estou interesada na chousa do demo’ -dixo a muller tomando o café-. ‘Miña nai ven de morrer e cando comecei a facer os papeis, resulta que ela recibira en herdanza ese… …ese campo’.

-‘E a súa nai era, logo…’.

-‘Adolfina, a filla do Fabeiro. Seica eu son arestora a única herdeira da familia, así que, xa ve, por aquí veño, aproveitando as pascuas, a tomar posesión. Chámome Sofía’.

-‘Vaia conto! A neta do Fabeiro!’-. O taberneiro mirouna con curiosidade-. ‘Déixeme que lle diga, miña señora, que o seu señor abó era unha personaxe, un tipo bravo. Unha persoa magnífica, simpática a máis non poder… Un carácter bárbaro. Eu non sei moi ben o que facía, se quere que diga a verdade; disque era investigador, non? Andivo moito polo extranxeiro buscando cousas, teimas de antigüedade, non sei se me entende, covas de mouros e tal, tesouros…’ -dixo o taberneiro baixando a voz.

-‘Nós viviamos en Madrid, e non lle tratei moito’ -contestou Sofía- ‘pero sempre me pareceu un tipo estrafalario. Imaxínese: gustaba das lentellas con azucre, andaba polos camiños mirando baixo as pedras, tiña libros escritos en linguas estrañas… Nun cumpreanos regaloume tres pendentes de pedras, pero eu teño dúas orellas! Para min, que estaba toliño….’.

Un home, velliño e levemente corcovado, ergueuse da mesa e achegouse á barra.

-‘Disculpe, dona Sofía. O Manel pretendía dicir que o seu abó era arqueólogo, e seica dos mellores que houbo nunca. Eu traballei con el máis de vinte anos. O degoiro polas lentellas con azucre veulle cando estivemos en Alemania, traballando nun proxecto que resultou ser algo complicado. Foi alá onde morreu, non sei se o sabe; un accidente tristísimo…’

Outro parroquiano ergueuse da mesa e achegouse tamén á barra. Descubríndose a cabeza, dirixiuse a Sofía:

-‘Disculpe se me entrometo, señora. Pero este socio do seu abó, con todos os meus respectos, non lle está a dicir a verdade. A morte do Fabeiro non foi un accidente; iso sábeo todo o mundo’.

-‘Por favor, pero que me está a dicir, meu señor! Que pasou?’ -preguntou Sofía erguendo a voz.

-‘Déixeme que lle explique. Chámome Emil Hassam Turkü, son o responsable de compras do Museo de Reliquias do Imperio Bizantino. Se mo permite…’.

O home sacou do maqueto un gorro turco que se puxo con toda ufanía; o taberneiro riu a cachón e comentou: ‘vaia pucho!’; o home contestoulle de mala gana: ‘chámase fez, que non pucho’, e proseguiu cara Sofía:

-‘Aquí o seu socio xa llo dirá, pero o Fabeiro seguía a pista dun gran achádego arqueolóxico; despois de moitos anos traballando en Turquía, no ano 1928 trasladou a busca a Alemania. Confesareille que, no mundo da arqueoloxía sempre se pensou que o empeño do seu abó era un puro desatino, pero no ano 1935 publicou un traballo na Revista Internacional de Estudos do Imperio Oriental, defendendo unhas conclusións digamos… arriscadas, para non as crer, de non ser por unhas fotografías que acompañaban ao traballo. Non se alarme, señora, pero o seu abó aparecía cun tesouro…’.

Unha voz fonda bramou dende o fondo do bar.

-‘Non é un tesouro’.

O turco deuse a volta, xusto para ver como o dono da voz poderosa, pousando a cunca de viño que estaba a beber, quitábase o abrigo cunha aprendida donosura e deixaba ver unha fermosa muceta vermella cubríndolle os ombros. O dono da voz tronante sacou da alxibeira un pucho bermello de bodoques pendurados e, xa revestido de autoridade, seguiu tronando:

-‘Non era un tesouro, polo amor do Altísimo!’

O taberneiro interveu para susurrar: ‘vaia pamela!’; o parroquiano contestoulle: ‘chámase capelo, que non pamela’. A conversa proseguiu sen moito sentido…

-‘Pero miña santidade, que fai un bispo neste antro de perdición…?’

-Informáronme que a neta do Fabeiro viña buscar a casa, e aquí estou. Pero vexo que o turco pretende adiantárseme. Igual que en Lepanto, igual que en Lepanto; recibirán o mesmo merecido. Miña estimada filla, o seu abó non aparece na foto cun tesouro; aparece cunha reliquia, propiedade da Igrexa’.

-‘Unha reliquia é un óso, meu señor’ -dixo Emil- ‘pero estamos a falar de bocois cheos de ouro, cousas de valor…’.

-‘Cala, turco’ -interrumpeu o bispo mentres Sofía agoiraba entre sospiros de incredulidade- ‘cousa de valor sagrado, un miragre apostólico, un carimbo de graza, un prodixio de fe. Miña filla, segundo todos os datos, o seu abó atopou os cofres de ouro que os Magos entregaran á Sagrada Familia no portal de Belén’.

-‘Arre demo!, pensara que era unha cousa seria…’ -exclamou Sofía, divertida.

-‘Esta si que é boa’ -dixo o taberneiro apuntando ao calendario da parede-. ‘Hoxe é cinco de xaneiro, homes todos; así que se queredes o ouro dos Reis Magos, creo que será o máis doado poñer os zapatos ao relente e agardar á mañanciña…’.

-‘Reivindico a propiedade do ouro para o Patriarcado Ecuménico de Constantinopla’ -dixo Emil-. ‘A tradición cristiana e as fontes históricas confirman que a Virxe María, despois da ascensión do seu fillo, marchou a Turquía co apóstolo Xoan, e sabemos que levaba consigo unhas arcas cos presentes dos Magos. No mosteiro de San Paulo do sagrado Monte Athos gardan tres faltriqueiras con algo dos presentes; pero falta a inmensa maioría, que o Fabeiro atopou máis tarde’.

-‘Reivindico a propiedade do ouro para a Santa Igrexa Católica e Apostólica’ -respondeu o bispo-. ‘As Sagradas Escrituras falan dos regalos dos Magos, pero non din que a Sagrada Familia os aceptara. Como facelo, seguindo as ensinanzas do Salvador en Mateo 22,21? Os Magos marcharon de volta cos presentes, que conservaron toda a súa vida. Estos presentes, sacramentos do Espírito Santo, formaban parte das reliquias dos Magos que foron levadas a Milan e máis tarde, no ano 1162 do Noso Señor, trasladadas en santa procesión á cidade de Colonia, onde aínda hoxe gardan os restos dos Magos. E alí foi onde o Fabeiro atopou o tesouro; así está nas fotos’.

Outro home, que agardara caladiño nun recuncho da taberna, atreveuse a deixar a mesa e achegarse tamén á tertulia.

-‘Lamento moito as inconveniencias que lle estamos a causar, miña señora. Son Abdulah Al Omeni, representante do Sha Reza Pahlavi de Persia. Estou aquí, igual que estes señores tan respectables, para reivindicar a propiedade do ouro. Lamento fondamente a confusión causada, cando é de todo punto evidente que as reliquias dos Santos Magos se atopan na cidade persa de Saveh, na nosa provincia central, e alí corresponde que sexan trasladados os seus presentes. Ben supoño que non darán creto aos nosos cronistas, pero han de saber que o cristiano Marco Polo, no seu ‘Milione’, dixo ter estado na nosa cidade e venerado as reliquias sagradas’.

Dito iso, sacou un fular do peto e armou de contado sobre a testa un fermoso turbante branco.

-‘Se mo permiten’ -falou o vello corcovado- ‘nunca o Fabeiro imaxinara tanta troula á súa conta. Mais como están interesados, direilles a verdade. Manel, pon viño a esta xente, que é a miña quenda! Pois verán, chegamos á Colonia na procura do ouro, pero non o demos atopado. Levabamos quince anos buscando o maldito tesouro e non aparecía. Entón o Fabeiro falou coa xente do Reichbank, e fíxolles unha proposta de embuste. Pediulle prestado ao banco ouro para encher tres cofres e finxir a descuberta; díxolles que aquilo sería a noticia máis rechamante do século, que faría de Colonia o meirande centro de peregrinaxe do mundo, o cerne da cristiandade. E o banco prestouse ao xogo, deulle en depósito o ouro e así fixemos as fotos’.

-‘Mintes, bocazán, mintes’ -dixeron ao mesmo tempo o bispo, o turco e o persa. Armouse un tinglado de gandaina, petando todos nas táboas cos puños, ata que unha nova voz interrumpeu o boureo a berros.

-‘Er lügt… nicht, nicht, nicht…’

Dende o fondo da taberna, un home se descubriu para ofrecer aos contertulios a abraiante visión dunha chaqueta militar de pano. Cun xesto solemne, púxose unha gorra de prato cos emblemas das Waffen-SS.

-‘Non minte, señores, non minte. Son Hans Lehmann, capitán da Wehrmacht e delegado pola Sicherheitsdienst para resolver este asunto tan noxento. O vello ten razón; o que non di é que o Fabeiro non respectou o pacto. Fíxose a foto e non devolveu o ouro ao banco. E cando o detivemos, o Fabeiro non tiña nada de seu; o tesouro esvaecera. Miña señora, preséntolle os meus respectos e tamén as miñas disculpas. O seu abó teimou en non revelar onde gardara o ouro’.

-‘Matastes ao Fabeiro?’ -berrou o taberneiro-. ‘Fostes quen? Pero que tolemia é esta, por favor!’.

Sofía debruzouse sobre a barra da taberna e caeu ao chan, en desmaio. O taberneiro correu a atendela, saloucando.

-‘Que tolemia, que tolemia, mirádevos, mirade o que estades a facer. De onde saídes, se non do inferno…’.

-‘Seica todos nós andamos tras a señora’ -dixo Abdulah-. ‘Cando soubemos que viña á casa do Fabeiro, seguímola. Será na casa onde estarán os cofres; de non estar alá, onde buscar?’

Todos empezaron a falar ao mesmo tempo…

-‘Estades tolos, tolos. O Fabeiro non ten casa, na chousa non hai nada, nin casa, nin tesouro…’ -chorou o taberneiro.

Seguiron discutindo. Entre os berridos e confusión do bulicio, o alemán sacou unha pistola do cinto e, coa mirada arrepiada, apuntou ao teito.

-‘De aquí non se move ninguén ata que me digan onde demo está o ouro. Eu non volvo sen os cofres’.

O rebumbio medrou en pura algarabía; alguén daba máis golpes nunha mesa, o taberneiro pedía tranquilidade a voces… Mentres Sofía seguía no chan atendido polo persa, o bispo e o turco discutían animadamente e o alemán perdía os nervios sen saber a quen apuntar… Nesto abriuse a porta da taberna e entraron Melchor, Gaspar e Baltasar.

Na taberna fíxose un abismo de silencio inmenso, profundo.

Eterno.

Melchor, vendo a colleita de puchos, capelos, gorras e turbantes, dixo:

-‘Felices Pascuas, irmáns. Pero que entroidada é esta?’

E Gaspar engadiu de chacota:

-‘Animádevos, que aquí veñen os Reis Magos. Temos os regalos ben agochadiños para os que se porten como é debido. Taberneiro, un neto de viño!’.

O alemán, atolecido de todo, dirixiuse cara Gaspar e, poñéndolle a pistola no bandullo, berroulle:

-‘Dame os regalos!’

-‘Pero… pero isto é unha broma, que parvada…’

-‘U-lo cofre, responde…’

-‘Pero que cofre?, que cofre…?’

-‘Os regalos, xa sabes, o ouro… Non me amoles que veño de ben lonxe…’

-‘Non sei que dis. Non temos nada. Levamos todo a Ordes, preparado para a cabalgata. Cólleo todo, se o queres, alí está todo pero déixame, por favor…’.

Tras a confesión, o alemán, o persa, o turco e o bispo saíron da taberna ás présas, pisándose, urxindo aos Reis para os levar de contado a Ordes. Na baiuca quedou únicamente o vello corcovado atendendo a Sofía, mentres o taberneiro ía de acó para aló recollendo cadeiras do chan e mesas en desorde. Sofía acordou.

-‘Estou un tanto confusa’ -dixo.

-‘Non se preocupe. Xa marcharon’ -contestou o vello.

-‘Será certo o que falan? O Fabeiro quedou co ouro?’

-‘Temo que si, miña señora’.

-‘E que demo faría con el? Non sei se me importa, a verdade, que absurdo todo…’.

-‘Pouca cousa podía facer’ -dixo o vello- ‘que era moito peso, difícil de trasladar. Se quere que lle dea a miña opinión, o máis probable é que o levara a Suiza e o cambiara por algo que fora máis lixeiro, máis sinxelo de transportar e agochar…’.

-‘Pero xa escoitou. Os alemans non lle atoparon nada, e seica na chousa non fica pedra sobre pedra. Todo está perdido…’

O vello achegouse a Sofía e susurroulle:

-‘Segue a ter os tres pendentes?’

No hay comentarios:

Publicar un comentario