miércoles, 23 de noviembre de 2016

As cartas


Salón, vellos mobles, láminas vellas, grandes cortinóns. Decoración da posguerra, pesada e grisalla. Dous homes, un vello e un mozo, apuran cadanseu café sentados nunha mesa camilla.

Helmut: Vaia, arrefeceu o café.

Adolf:         Aínda está máis quente ca ti.

Helmut: Verdadeiramente, do teu enxeño xermánico non dan agromado as metáforas.

Adolf: Pois direicho ao dereito: non tes alma no corpo.

Helmut: Ha, ha, prefiro as túas metáforas.

Adolf: Que vas facer?

Helmut: Vin na procura dun acordo contigo, meu rapaz, pero vexo que a posibilidade se afasta a cada frase que cruzamos. Non entrarás en razón?

Adolf: Nefecto, hai un grave desacordo entre nós. Entendo que, polo tanto, non farás nada.

Helmut: Que queres dicir?

Adolf: Son o teu fillo e o teu herdeiro. Levo o teu apelido; terásme en conta, daquela.  

Helmut: Aínda non es o meu herdeiro, fillo. Sigo vivo.

Adolf: Pois compórtate coma se estiveras vivo!

Helmut: A vida é delongada e complexa e estou canso, é verdade. Pero sigo aquí, estou vivo e os papeis son meus.

Adolf: A familia non es ti únicamente!

Helmut: Pero eu son eu únicamente. En realidade, mais que chegar a un acordo, ben vexo que te chamei apenas para comunicarte a miña decisión; non para pregar o teu consentimento.

Adolf: Non precisas o meu consentimento para me facer dano? Penso que si. E prégoche que non mo fagas.

Helmut: Asumo as túas reticencias, pero a nosa situación non é doada. Non teño escolla. Estes documentos pertencen xa a historia; falei cun editor, sempre dentro da máxima confidencialidade, e prometeume unha cantidade de marcos imposible de rexeitar. Farache dano ser o herdeiro dun rico?

Adolf: O herdeiro dun home noxento, si.

Helmut: Non podo solucionar iso. Son unha persoa miserable, xa o sei.

Adolf: Non, meu home, ti non es miserable. Esas cartas, eses papeis que gardas con tanto agarimo, son as miserables. Racha con elas, tíraas ao lixo.

Helmut: Son as miñas cartas, é a miña correspondencia.

Adolf: É documentación privada, por favor. Non importan a ninguén!

Helmut: Se me van dar o diñeiro que me prometeron será porque importan. Apenas a sinatura do Führer xa abondaría para que valeran moito. Que queres? Que as guinde na cheminea? O lume destes papeis pouco te quencerán. Ha de servirte máis a esgalla de marcos que me dean.

Adolf: Importan? A quen lle importará…?

Helmut: Importan, importan máis alá do seu contido. Todo o mundo está interesado neste home. Calquer tema, calquer parvada. Unha relación de amizade, algo que serva para coñecer ao Führer… Estamos no medio dunha peculiaridade histórica. Hai que aproveitala.

Adolf: Falas coma un vello prusiano. Peculiaridade histórica? Que dis? A túa correspondencia con Hitler? Son apenas cartas que alguén che envía, por favor! Cambiarán a historia? Que che importa a ti a historia? 

Helmut: O que me importa é que teñas para comer. Esta posguerra está a ser terrorífica.

Adolf: Paiciño, déixame que cho lembre: todo o mundo respéctate. En Nuremberg, hai poucas persoas tan aprezadas coma ti. Es un modelo de sensatez e integridade. Que vai ser de todo iso cando des ao prelo este lixo?

Helmut: Mellor leña que loureiros. Que me fagan unha estatua non che sacará de pobre.

Adolf: Pero non todo pode ser unha cousa de cartos, meu home. Xa sairemos adiante; e se non pode ser, será o destino. O único que deixamos tras de nós é a memoria, non pensas? Publicadas as cartas, non poderei sair á rúa. Non o entendes?

Helmut: Se cadra, faste famoso. Mira o caso de Wilde: a deshonra total, a vergoña completa, a familia forzada a cambiar de apelido, a renegar do malpocado. E agora o fillo vai polas feiras cun libro chamado ‘son o fillo de Oscar Wilde’. Ti fai o mesmo, non me importará. A miña deshonra pode ser unha fonte de ingresos interesante.

Adolf: Non sexas cínico. Tes unha folla de servizos inmaculada. Fuches notario maior de Nuremberg, condecorado e emérito… Lembro cando neno ver por esta casa, mesmo sentados nese sofá de aí, a Stresemann e Hindenburg. Que foi de todo aquilo?

Helmut: Todo aquilo rematou. Chegou a guerra e nós non fuximos. Ficamos aquí, cumprindo os nosos deberes de cidadáns, de funcionarios. E despois de todo o que aturamos, como non temos un carnet de rebeldes, desprézannos e mándannos para a casa. Con toda a razón, por certo.

Adolf: Nunca simpatizaches!

Helmut: É verdade; o Reich foi un horror. Pero os funcionarios prestamos un bo servizo a Alemania; grazas a nós o país, a pesares de ser vencido, non foi destruido.

Adolf: Non fixeches nada malo, está claro.

Helmut: Non me entendes. Claro que fixen algo malo. Por iso comprendo e teño por xusta a penosa situación na que vivo. Pero o deber non ten nada que ver con iso; non caerei na frivolidade de pensar que consiste en facer cousas boas. En cada momento tes que facer o que tes que facer, sexa malo ou bo, sexa correcto ou incorrecto. Asumo que é un razonamento moi limitado, pero xa non hai remedio. Non erguín a voz, non me rebelei. Fixen o incorrecto? Probablemente, pero era a miña obriga. Polo tanto, asumo a culpabilidade; non merezo respectabilidade ningunha.

Adolf: Non digas parvadas. Fuches exculpado, ninguén che acusa de nada.

Helmut: Enténdeme, non busco unha excusa. Fun un covarde. Non, non, non digas nada, que non ten nada de malo selo. A valentía é apenas un relato; cando fracasa, chámase desobediencia, chámase temeridade. Se o meu deber era ser covarde, como ser outra cousa? E agora teño as cartas…

Adolf: Para min, nin es nin fuches un covarde.

Hulmut: Para ti fun o teu pai, mais nada, ou sexa que non tes cousa que dicir. E agora teño estas cartas que me impoñen outro deber. Un deber contigo, para fornecer o teu futuro… Estea ben ou mal o que vou facer, non teño alternativa, comprendes? Xa non teño memoria que honrar.

Adolf: Fagamos unha cousa; dame as cartas e, de precisar eu os cartos, xa me encargarei de publicalas no futuro.

Helmut: Nunca as publicarás, meu rapaz. Hai cartas que non liches.

Adolf: E que din?

Helmut: Explican por que valen tantos cartos.

Adolf: Non me asustes.

Helmut: Por iso téñoas que publicar eu. Hai corenta anos as cousas eran moi diferentes. Sabes? Eu non coñecín ao Führer; coñecín a un mozo febliño e doente, que vivía con outro rapaz en Münich, onde me presentaron á parella no Nadal do ano 13. De primeiras, fun máis amigo do compañeiro, Rudolf Häusler, pero Adolf… era retranqueiro e pintor. Os dous eran divertidos, fumaban, facían festas, invitaban a outros rapaces á habitación. Que queres que che diga? Encariñamos e Rudolf tivo que marchar, doente de ciumes. En fin, non había sitio para os tres no cuarto. Eramos novos…

Adolf (erguéndose da mesa): Pero que me dis? Non quero saber nada diso. Entendo que será unha alburgada e non houbo delicto...

Helmut: Se cadra houbo. Xa non me importa nada.

Adolf: Non cho creo. Ti non es deses… homes.

Helmut: O pior é que non me arrepinto; en realidade, nin me orgullo polo que fixen ben nin me arrepinto polo que fixen mal. Un prusiano chamaría a iso ‘madurez’, non cres?

Adolf: Non, non. Esas cartas non poden aparecer. Estás tolo? Non poden! Coñeces o código penal; sabes do artigo 175…

Helmut: Pouco se aplica.

Adolf (subindo a voz): Aínda así. Pensas que dubidarán en denunciar ao querido amigo do Führer? Pensas que non te porán no escarnio dos veciños, na lingua das taberneiras? Onde me agocharei para non escoitar as mofas dos cuarteis, o mainiño escándalo das igrexas? Non me podes facer iso a min, que son o teu fillo. Non me queres?

Helmut: Como podes dicir iso? Quérote con todo o meu corazón, por iso o fago, para che dar un futuro. E se a vergoña cae sobre min, que se lle vai facer? Se o escarnio me ven por algo que fixen, sexa bo ou malo, terei que aturalo, non hai remedio. É o meu deber arrostrar a miña realidade, o meu pasado, o meu ser…  

Adolf: Perderás un fillo porque estás tolo. E tes razón, non hai nada que facer. Mesmo mañán cambiarei de apelido, non che preocupes, e te borrarei da miña memoria.

Helmut: Cambia tamén de nome, xa que logo. Eu seguirei sendo eu.

 

Adolf marcha. Telón.

No hay comentarios:

Publicar un comentario