viernes, 30 de diciembre de 2016

O sarxento


Na longa historia das marcas comerciais, non houbo batalla máis cruel e desigual que a mantida en 1951 por un vello sarxento contra unha empresa que pretendía levar o seu nome. Paga a pena lembrar aquel episodio, hoxe completamente esquecido, non tanto para resgatar a memoria daquel home peculiar e incomprendido senón para admirarse das revoltas dun espírito ceibe e intentar comprender que pasou pola súa cabeza naquel día de verán. Precisamos chegar a unha conclusión a tal respecto porque, aclarado o que fixo, do que non dúbida ningunha, apenas a intención do seu actuar nos dirá se foi un heroi ou un miserable. É probable que a resposta sexa que ambas cousas, xa que o éxito non chega con escrúpulos; máis alá das anécdotas, a historia ofrécenos unha conclusión evidente: todo xuizo é precipitado.

O sarxento Henry G. Fetzerberg naceu en 1880 en Idaho, Estados Unidos, fillo de emigrados bávaros que liscaran das miserias europeas para rematar no corazón do vello territorio indio, nunha encrucillada chamada Blackfoot na honra dos seus antigos moradores. Educado no máis estricto código luterano, Henry destacou dende a nenez como un rapaz respectuoso, amable, un tanto reservado mais sempre disposto para o servizo. Con dezaseis anos entrou a traballar co sheriff do condado de Bingham; era o encargado de abrir e pechar a oficiña dos calabozos, e os pasos ferrados do seu cabalo ao mencer camiño do traballo eran o sinal que moitos vilegos pactaran para se erguer da cama. A primeira chamada de heroísmo chegoulle co gallo dos devastadores incendios que asolaron máis dun millón de hectáreas de Idaho en 1920, matando case a un cento de persoas. Nas labouras de extinción, Henry amosou unha coraxe temeraria e desmedida; o seu esforzo salvou das chamas uns caseríos nos que vivían sete familias, aforrando a morte de cincoenta persoas. Vencido o incendio, o seu nome era famoso en todo o Estado. O gobernador David Davis recibiuno en Boise e impúxolle a Medalla do Honor, mentres unha moitedume agardaba na rúa para o saudar. Foi entón cando entrou no exército.

Con todo, a súa fama non saería máis alá das fronteiras do Estado ata un acontecemento puramente causal: o 18 de marzo de 1925 Henry se atopaba no condado de Bollinger, Missouri, nunhas manobras da súa unidade cando aquelas terras se viron asollabadas polo máis terrible tornado que se viu endexamáis. Mentres a unidade fuxía por estradas ateigadas de xente á carreira, Henry saltou do camión na localidade de Poplar Bluff, tomou ao asalto unha locomotora, encheu tres vagóns con cincocentos refuxiados e arrancou cara San Luis. O tornado, alcumado ‘dos tres estados’, deixou máis dun milleiro de mortos, pero na lista non estaban os salvados polo sarxento, convertido xa en heroi nacional. Chamado a Washington, o presidente Coolidge impúxolle a Medalla da Liberdade; o día que regresou a Idaho foi declarado feriado polo gobernador e unha multitude de cen mil persoas lle recibiron afervoadas.

A partires de aquí, refugando de máis honores, Henry regresou ao condado de Bingham, mais a súa sona non decreceu. Anos máis tarde, na segunda Guerra Mundial, Henry asumiu a presidencia dos reservistas de Idaho e percorreu toda a Unión recabando fondos para a Guerra. Abondaba o seu nome para que a xente asentira coa cabeza; un gran home, unha referencia nacional. O batallón de paracaidistas alistados en Boise, que tivo un papel clave na retaguadia de Normandía, recibira o nome de ‘Sergeant Fetzerberg Guys’…

Pero a historia que quero contar non é esta. No ano 1936 abriu as portas na Sexta avenida de Manhattan un pequeno comercio chamado ‘Sergeant Fetz Supplies’, unha mestura entre ferreteiría e tenda de suministros que vendía todo o preciso para fornecer unha vivenda. Baixo o rótulo, unha grande cartela engadía ‘onde mercan os coraxudos’. A cousa non daría para moito máis se non fora porque o comercio tivo un éxito rechamante: no ano 1944 inauguraba a primeira tenda en Houston e para o 1950 xa tiña establecementos en toda a costa oeste.

Henry non maxinara a posibilidade de que alguén se quixera aproveitar do seu nome. Mergullado no ambiente calvinista do medio oeste, non gababa máis cousa que a súa honra de home de ben, e a idea de que un fulaniño estivera a usar a súa fama para vender parafusos e estantes dáballe un noxo indescriptible. Decidiu marchar a Nova Iorque para solventar o tema. Foi recibido na Estación Central polo gobernador Thomas Dewey e unha banda de marines con trompetas. Reuniuse cunha chea de avogados que lle prometeron que unha demanda prosperaría de contado e, fiándose da súa carraxe, deu instruccións de iniciar o procedemento e regresou a Blackfoot. Os xornais, que algo agardaban do tema porque o nome dos armacéns era xa coñecido en toda a Unión, cerebraron a liorta entre o vello sarxento e o negocio, non tanto para poñerse da beira dun deles senón polo pracer, tan humano, de asistir a unha batalla a morte. 

Meses máis tarde chegou a sentencia. A demanda era desestimada. O tribunal entendía que ‘Supplies’ era un nome común, que ‘Fetz’ non era o mesmo que ‘Fetzerberg’ e que ‘Sergeant’, en fin, refería a un sarxento, que tampouco era para tanto; para os xuices, o nome do negocio fora escollido ao chou, tal vez con fortuna, pero non tiña nada que ver con Henry nin se aproveitaba do seu nome. Os avogados recurriron, despois da penosa obriga de comunicar ao cliente por telegrama a nova da inesperada noticia. Henry pasou tres días sen falar con ninguén.

Foi naqueles días cando decidiu a súa resposta adoecida. Segundo o xornal Idaho Statesman, na mañán do tres de xullo de 1952 Henry presentouse en Boise, na mesma praza principal, portando unha bandeira do Estado. Unha vez alá, e tras saudar marcialmente a enseña que brandía na cúpula do capitolio, foise quitando moi amodiño o seu uniforme militar; a chaqueta galonada, as botas con esporas, os pantalóns, a camisa e os calzóns ata ficar completamente espido diante dun corro de xente que asistía abraiada á escea. Posteriormente, puxo a bandeira azul de Idaho sobre o montón de roupa e orinou por riba dela. Para rematar, e tras tomar da húmida montoneira o mecheiro que buscaba, prendeu lume ao uniforme, á bandeira e ao mexado e agardou sentado que viñeran por el.

Aínda hoxe ninguen sabe por que o fixo; non quixo facer declaracións nunca máis. Aquel incidente rematou coa súa fama. Dada a súa idade provecta e, sobre todo, á súa historia lendaria, a xustiza foi clemente con el; apenas foi condenado a trinta días de cadea. Pero o pior non foi iso: o gobernador tiroulle á medalla, quitaron unha praca que puxeran na casa onde nacera, os veciños deixaron de lle falar e o seu nome foi arrastexado no lixo pola prensa de todo o país. O vello tolo, dicían, mirade como mexa sobre a bandeira, cretino, miserable, e dende a costa leste á costa oeste as mofas e gargalladas encheron reportaxes enteiros sobre o demente de Idaho, sobre o sarxento que perdera a cabeza.

Houbo, con todo, un resultado inesperado: os armacéns ‘Sergeant Fetz Supplies’ comezaron a perder fregueses a mancheas. Xa ninguén quería mercar nunha tenda que lembraba o nome maldito do soldado mexón. En apenas seis meses pechou vinte tendas e as ventas baixaron un corenta por cento, obrigando ao dono a mudar o nome da empresa que dende abril de 1953 pasou a se chamar ‘General Famous Supplies’.

Entón chegou a sentencia definitiva do preito. O Tribunal Supremo de Nova Iorque sentenciou a favor do vello sarxento, argumentando que o feito de que a empresa cambiara de nome polo actuar de Henry era a proba manifesta de que a anterior denominación se aproveitara da creto persoal, hoxe desaparecido, do sarxento, de tal forma que se o demedre fora causado pola deshonra, o medre anterior sería lóxicamente causado pola honra. O Tribunal condenou á empresa a pagar sete millóns de dólares a Henry. Despois do pago, e empresa crebou e meses máis tarde foi liquidada, desaparecendo avergoñada da vida dos americanos, da mesma maneira que desapareceron dos libros de historia os heroísmos do sarxento Fetzerberg.

No hay comentarios:

Publicar un comentario