miércoles, 10 de marzo de 2021

O covarde

 

Despois do almorzo, o párroco de San Xiao do Ermo fixo chamar ao servente. ‘Vai abrindo a igrexa, que vou de contado’. Dende que se viran franceses pola bisbarra de Ortigueira, o sacerdote prefería delegar o risco de incómodos encontros e mandar por diante ao seu criado, que fixo o breve camiño entre a reitoral e a igrexa cargando coas chaves da parroquial, un paraugas, un misal, dous libros de doutrina e unha escopeta. Tras comprobar que todo estaba en orde, voltou e avisou ao cura que xa se podía achegar sen problema. Era outubro de 1808 e chovía a caldeiradas.

Alá foi o párroco e, tras vestirse na sacristía, entrou pesadamente no confesionario, trabou a portiña, pechou o veludo e entornou os ollos disposto para unha tranquila sonequiña, pero non pasara moito tempo cando escoitou que alguén andaba pola igrexa, se achegaba ao confesionario e se axeonllaba no lateral. ‘Ave María purisma’, bisbisou o párroco bicando a estola. Ninguén contestou. Intranquilo, o cura repetiu o saúdo. Entón, unha voz apenas audible falou e dixo: ‘je ne suis pas un couard”. O cura petou un berro, rompeu cun couce a porta do confesionario e saíu a correr, chamando ao criado para que viñera coa escopeta, que os franceses regresaran. Apareceu o criado, armado e disposto, pero entrambos non deron atopado rastro do confesante nin de soldado ningún. Días despois apareceu no peto da igrexa un reloxiño de man cunhas letras gravadas no reverso: P.E.R.M.D.L.P.

Tres anos denantes daquela estraña visita, o 21 de outubro de 1805, ás portas da batalla, o contraalmirante francés Pierre Étienne René Marie Dumanoir Le Pelley, ao bordo do Formidable, mandaba chamar aos seus oficiais para lles dictar o seu testamento, como era o costume. Mais aquela non sería unha batalla de costume; estaban ás beiras dunha carnecería. Os oficiais cruzaron palabras épicas como valentía, afouteza, heroísmo, eternidade, gloria, mentres o capitán, adoecendo cunha taquicardia abafante, fitaba a costa gaditana dende a xanela de popa. Un grumete de pelo roxo, apenas dezaseis anos, entrou cunha fonte de vasos de xerez e atreveuse a falar. ‘Capitán, marchemos deste inferno’.

O grolo de xerez tróuxolle a Dumanoir lembranzas das semanas pasadas en Cádiz. Polo xogo de monicreques que é a historia, en 1805 tocaba que os españois e os franceses foran amigos e os ingreses inimigos, e así foi como unha frota naval metade francesa e metade española chegou irmandada a Cádiz a finais de agosto. O almirante da frota era Pierre Charles Silvestre de Villeneuve, diríamos un covarde se soubésemos que cousa é tal; mandáronlle que fora ao canal da Mancha para axudar a Napoleón e non foi; mandáronlle que fora ao Mediterráneo e desistiu de ir. No canto, refuxiouse en Cádiz entre fandangos e noites de calor, vento e area. Dentro da escuadra, Dumanoir comandaba unha división composta por seis navíos, catro franceses e dous españois. Era un home de mar, embarcado dende os dezasete anos, que aínda devecía por voltar a súa terra; de feito, facíase chamar ‘sieur du manoir’, o señor do pazo, lembrando a casa grande que deixara en Normandía.

A estadía en porto rematou cando Villeneuve se enterou que estaba a chegar a Cádiz o seu sustituto. Napoleón fartara do seu almirante e dispuxera o seu relevo. E Villeneuve, preso dun ataque de pánico, optou por evitar o seu despido largando velas cara o mar. Todo o mundo sabía que era un suicidio, ou algo máis, porque con Nelson roldando por aqueles mares Villeneuve estaba a arrastrar á morte a milleiros de homes. Mais todos os oficiais, españois e franceses, cumpriron o desexo do almirante cun desesperanzado nó na gorxa, sen valor para o motín. ¿Qué cousa será a valentía e a covardía? A división de Dumanoir, en retaguardia, foi a derradeira en deixar o porto de Cádiz.

Na mañán do día 21 de outubro atoparon ao inglés. Dumanoir e os seus oficiais preparáronse para a batalla, inútil, previsible, evitable… A morte en estado puro. Os veleiros artillados máis grandes xamáis construidos enfiaban unha matanza de homes. ¿Que valentía hai na obediencia? ¿Qué gloria na sumisión? ¿Que honra na morte absurda? E aínda estaba o capitán afundido nestes pensamentos cando lle chegaron as novas da derradeira paifocada de Villeneuve: á vista do inimigo, o almirante ordeaba virar en redondo e voltar a Cádiz a toda vela. Dumanoir, incrédulo, subiu á coberta e pediu a luneta. Por diante da proa do seu navío, entre os mastros e xarcias, puido ver un triste espectáculo: a ordenada ringleira da escuadra francoespañola, que navegara en liña coma unha xigantesca procesión de eirugas, comezaba a se romper. Os navíos, algúns por riba das catro mil toneladas de desprazamento, empezaban a virar sobre si pesadamente e devagar, sen moita axuda do vento, volvéndose inermes durante a manobra. Se antes tiñan apenas unha oportunidade, agora, ofrecendo dondamente as costas ao inimigo, estaban vencidos. O grumete de cabelo roxo volveuse achegar ao capitán cunha mirada de pavor. ‘¿Qué imos facer?’. Dumanoir contestou cun sorriso resignado. ‘Obedecemos e viramos’. Cando deron rematado a volta, os ingleses bouraban a cañonazos o corazón da frota. Centos de homes estaban a morrer. Moitos deles, mendigos andaluces, cativos imberbes e desfarrapados tomados ao chou no malecón de Cádiz para morrer no nome da patria nas máns duns ingleses que apenas tres anos despois serían amigos de España. Con cada latexo de cañón, o mar ía avermellando, mentres a brisa traía un espeso fedor a pólvora e carne queimada.

Por mor daquela revirada, os barcos de Dimanoir pasaran de contado da retaguardia á vangarda da formación. E cando Villeneuve, dende o centro do inferno, lle lanzou unha chamada desesperada para que acudise na súa axuda, Dimanoir, pechando os ollos, negou coa cabeza. Simplemente, desobedeceu.

Dimanoir transmitiu a orde á súa división: estando en vangarda da liña, continuarían avanzando como se tal cousa, afastándose do fogo. ‘Voltamos para casa’, díxolle ao temoneiro. ‘Pero señor, Francia…’. Dimanoir cortoulle en seco. ‘A miña patria é a miña tripulación’. O Formidable e os outros tres navíos franceses da súa división liscaron con tres mil almas que salvaron a súa cita coa morte. Pechado o estreito de Xibraltar, rodearían a península polo Atlántico, camiño de Francia. O grumete, subido na cesta da gávea, choraba.

Da mesma maneira que o horror de Lepanto puxo fin ás batallas de galeiras, o horror de Trafalgar puxo fin para sempre ás batallas de velame. Non houbo outra semellante. Perto de cinco mil homes perderon a súa vida no mar de Barbate apenas porque un almirante francés quixo escapar do seu superior e porque non houbo un oficial valente dabondo como para desobedecer as súas ridículas ordes. ¿Que diría Sun Tzu? Que se queres ser obedecido, confía nos covardes.

A batalla foi tan despiadada, feroz e encarnizada que, aínda gañando, os ingleses non deixaron sobre a tona do mar ningún navío inimigo para levar de trunfo a Inglaterra; nin un só.

A volta de Dimanoir a Francia non foi sinxela. Pasados os mares da Coruña bateu cunha escuadra inglesa de oito navíos que asediaba o porto do Ferrol. Véndose superado e aínda dobrado en número, Dimanoir quixo escapar pero á altura do cabo Ortegal os ingleses lle deron alcance. Naquel intre, o capitán atopou na coberta ao grumete. ‘Meu señor, non quero morrer’. Dimanoir pasoulle a man polo cabelo. ‘Non o farás’, díxolle. ‘Coa primeira madeira que vexas desarborar, guíndate ao mar e vai para terra’ engadiu. O capitán rebuscou no peto do chaleque; sacou o seu reloxio de man e doullo ao rapaz.

O día de San Carlos de 1805 a xente de Cariño espertou cos cañonazos da batalla do Cabo Ortegal, que rematou, como era previsible, coa victoria inglesa.

Pola súa parte, o grumete tomou terra aboiando nunha lasca do bauprés do Formidable, rompido na batalla. Pasou meses vagando polos camiños do Ortegal e durmindo en cortellos ata que, tempo despois, marchou a Santiago para obter un título de caridade. Así, de volta en Ortigueira, asentouse como pobre esmoleiro polas feiras da bisbarra, alardeando de peregrino.

Tres anos despois do seu naufraxio, en 1808, os franceses chegaron ao Ortegal e aquel peregrino, sabéndose desertor da armada francesa, fuxiu ao monte para non ser capturado e levado perante un consello de guerra. Na montaña de Ortigueira atopou unha igrexa aberta e quixo falar co párroco, pero non houbo forma.

Tanto Villeneuve como Dimanoir foron apresados polos ingleses e ceibados ao pouco tempo. Villeneuve quixo ir a París para lle dar explicacións a Napoleón, pero indo de camiño axentes do Emperador matárono a coiteladas nunha pousada de Rennes. Dimanoir, de volta en Francia, foi sometido a un duro consello de guerra; resultou absolto de todos os cargos. Respecto ao grumete, non se volveu saber del.  

Moitos anos despois, Xoán Donapetry deu ao prelo datos sobre un home de corenta e tres anos morto en 1832 no mosteiro de Valdeflores, en Viveiro. A súa única posesión era unha compostela que aboaba a súa condición de peregrino a Santiago. Donapetry non soubo dar máis información sobre aquel home, non sendo que semellaba ser francés, porque o pergameo da compostela tiña escrito no reverso unha estraña frase en lingua francesa.

A frase dicía: ‘o meu querido capitán deprendeume un día que hai que ser moi valente para ser un covarde’.

No hay comentarios:

Publicar un comentario