jueves, 9 de abril de 2026

Star Wars no cabo do mundo

Na escena final da película ‘O despertar da forza’, Red acode a una illa deitada no medio do mar para rescatar a Luke Skywalker. A imaxe resúltame emotiva e poderosa, tanto pola impresionante maxestade da paisaxe coma polo significado do encontro: Luke leva anos apartado, agochado no cabo do mundo, morto para os seus camaradas. Co simple xesto de lle presentar á súa espada, Red prégalle ao heroe que retome a loita, que volva á vida. Como localización privilexiada para esta reunión, os productores de ‘Star Wars’ atoparon o lugar propicio: as illas de Skellig, na costa oeste de Irlanda, o umbral do paraíso.   

Fernando Alonso Romero (‘Santos e barcos de pedra’) recórdanos que nas noites de luar os vellos aínda ven as almas dos mortos en procesión sobre as rochas de Skellig camiño do mar. Terá que ser así porque o ceo dos celtas atópase máis alá do océano, no Tir na nÓg, onde o sol brila na noite e nos agardan os Tuatha Dé Danann. Os fisterras do oeste celta convertíronse daquela en lugares sagrados, por estar no sendeiro, na enfiada cara o edén. A xeografía axuda: estes sitios adoitan ter unha beleza abraiante como anticipo, como lóstrego apenas intuido dos campos eternos. Conforman o percorrido por onde todos haberemos de transitar un día.

Outros moitos fisterras conservan relampos de lendas semellantes: por exemplo, a illa dos vinte mil santos, Ynys Enlli, no extremo oeste de Gales, onde os galeses acodían polo menos tres veces na vida e mesmo se facían soterrar, porque vían alá a entrada da infinitude. Consérvanse relatos tamén da illa de Aval (para algúns a mítica Avalon) ou da illa Tevennec, tamén na Bretaña, destino das almas dos defuntos.

O fermoso traballo de Alonso Romero, presentado no congreso internacional de estudos celtas en 1987 e misteriosamente esquecido nos libros sobre Santo André de Teixido, explica como a peregrinación ao oeste é un mito ancestral dos celtas. Adiantala en vida supoñía aforrar a ingrata laboura de facer o traxecto unha vez morto, con risco de se perder na xeira. O autor recolle vellos relatos portugueses vencellados a Compostela, que urxían a peregrinación a Santiago para que a alma, unha vez esgallada do corpo, recoñecera o camiño ao paraíso. Ou a sorprendente cadeira de Ronan, en Douarnenez (Bretaña) onde, en palabras de Anatole Le Braz, transcritas tamén por Alonso Romero, celébrase unha romaxe cada seis anos na que debe ir todo o mundo, porque quen non acode en vida terá que pasar por alá penosamente unha vez morto. Cómpre ter feito o camiño estando vivos, para facer o noso tránsito ao máis alá máis doado e sinxelo.

Interpretada nesta tradición milenaria, o Santo André de Teixido preséntasenos como o destino por antonomasia: aí está a derradeira porta, a fronteira dos mundos, un limbo intersticial, un lugar ben axeitado para atopar a un héroe mítico coma, por exemplo, Luke Skywalker.


No hay comentarios:

Publicar un comentario