viernes, 2 de octubre de 2015

Estrelas na praia

‘Este sitio é perfecto’.
‘Se ti o dis, será, que sempre tes razón’.
‘Anda, baixemos á praia. Imos tras as dunas’.
Temos que baixar á area? Nesta escuridade non vexo nada’.
‘Vai ser boa, neno, que comprei mercancía de calidade’.
‘E non deixarás esas historias. Fai o favor…’
‘Prométocho. Esta noite é a derradeira, pero isto hai que probalo’.
‘Fai o que che pete, pero…’
‘Ai, señor cura, perdóneme os meus pecados’.
‘E ten que ser hoxe, demo, noite sen lúa’.
‘Moito mellor; así non teremos sorpresas’.
‘¿A policía non ven por aquí?’
‘Ninguén ven a esta praia de noite; tampouco a policía’.
‘Está o ceo cheíño de estrelas’.
‘Bla, bla, estreliñas do ceo. Cando novo, coñecíaas todas, sabes?’
‘Si? Non te creo. Ti?’
‘Oe, que un ten un pasado, eh? E mírame agora… Trouxeches a culler?’
‘Aquí a tes. Pero de verdade ti sabías…? A ver, aquela dalí…’
‘Eh, que isto non é un concurso, eh?; ao carallo coa estrela…’
‘Pois a min gustaríame saber delas’.
‘Terma da culler; ¿onde deixei a merda do paquete?’
‘Pero mira o ceo, rapaz, ¿iso é unha constelación?’
‘Agora, agora vou. Porcallada de chisqueiro…’
‘Onde conseguiches esa papela? Ten unha pintiña que rabea de noxo’.
‘Anda, ti que tes pulso, éncheme a xiringa’.
‘Non debería, non debería…’
‘Pero ves como podes, oh? Mira… cómo envexo esa serenidade, rapaz’.
‘Non te axudarei máis, sábelo’.
‘Chámase o triángulo de verán’.
‘O que? Ah, refíreste á constelación?’
‘Non, que non ten poesía. Unha constelación sen poesía chámase asterismo’.
‘Non terá poesía, pero é un triángulo ben grande’.
‘O triángulo, Deneb, Vega e Altair. As señoras do ceo, así as chamaba eu’.
‘¿Si? E como distingues unha das outras?’
‘Pásame o cinto e non digas parvadas. Sabes facer un torniquete?’
‘Non me amoles, rapaz. Cal das tres é Deneb?’
‘Uf, meu demo, isto fai bulir o sangue. Sinto…’
‘Estás ben? Queres algo?’
‘Dened leva as rédeas de cinco cabalos; Altair é a que ten unha parella…’
‘Xa vexo os cabalos; cinco en liña, diante do xinete’.
‘Imos descansar un pouco. Árdeme o brazo. Ai, os cabalos…’
‘Pois a area está fría, así que tápate’.
‘Fáiseme estraño ver estrelas na praia; nunca viñera aquí de noite’.
‘E o silencio…’
‘Sabes? O principiño dicía que… espera…’
‘Eh, acorda rapaz, non te deites… pero que che pasa?’
‘…que as estrelan brilan para que cada quen, algún día, poda atopar a súa’.
‘Atopar a súa… Como é a cousa? Cal será a miña?’
‘Mira o ceo de vagar e verás a túa. Non te apures… no seu momento…’
‘Non teñamos presa logo, que a vida é moi fodida. Sabes o do Fabio?
‘O que?’
‘Morreu está mañán. Toda a vida vendendo herba, e agora lle levan frores’.
‘Fabio, o de Madrid? Que lle pasou?’
‘Trouxo un paquete malo,  cortado con bosta de can. Probouno e acabouse’.
‘O de sempre…’
‘¡Desperta! Andas doente ou que?’
‘Non, non, isto non… Como queima!’.
‘Pero a quen lle compraches isto?’
‘Vaste escachar de risa, neno, cando cho diga’.
‘Que? Estarás de coña, non? Non llo comprarías ao morto’.
‘Faime un favor… Búscame unha estrela’.
‘Pero que dis? Ponte de pé agora mesmo, marchamos’.
‘Búscame a estrela. Altair ten unha compañeira ao seu carón, vela?’
‘Apóiate en min. Imos. Xa a vexo, mira, aí está, non a ves? Non a ves?’
‘Non vexo nada; pero ti, por favor, dime que a ves…’
‘Si. Vexo a Altair, e mais esa estrela pequena xunto dela’.
‘Ah… Non che parece ben feita? Por que dis que é pequena?’
‘Porque a vexo máis pequena, non?; brilla menos. Andando’.
‘…que terá que ver o brillo coa grandeza?’
‘Digo que Altair parece máis grande porque ten máis luz’.
‘Estásme a confundir. Unha cousa é o brillo e outra cousa é a luz’.
‘Deliras, rapaz. É difícil andar pola praia, pero procura manter o paso’.
‘Altair loce coma dez soles; esa que dis pequena, loce coma miles’.
‘Pois non o parece, a verdade’.
‘Dislle pequena porque é pálida e lonxana. Pero é fermosa’.
‘Non sei se fermosa. Pouca cousa, en todo caso’.
‘Pouca cousa? Miña madriña… é unha triple alfa’.
‘Triple alfa? Iso que é? O que lle compraches ao Fabio?
‘Na miña estrela fermenta a vida… fabrica carbono…’
‘Que fai que?
‘Altair ten moita luz, pero… helio… idioteces’.
‘Eh! Non me amoles… Non durmas, non durmas!’
‘carbono… sabes?… a vida... somos…’
‘Polo que máis queiras, abre os ollos!’
‘…a casa  …regresar…’
‘Dime algo!’
‘…rien qu’un éclair jaune…’
‘Non me fagas isto, non mo fagas’.
‘…il tomba doucement…’
‘No, no…’
‘…pas de bruit, à causa du sable’.

3 comentarios: