viernes, 30 de octubre de 2015

Ynys Enlli


Cheguei a Aberdaron nunha tarde de inverno. Detiven o meu vello coche no alto do coto, xusto onde o camiño se abre á visión transparente do mar, e pensei que sería un sitio perfecto para pasar a noite. Na cassette, Chet Baker amañaba en ‘Alone together’ un morno tapiz de silencios, invitándome a un amigable labirinto. A súa música parece que soa, pero é unha ficción; non fai máis que poñerlle acordes ao silencio. Naquela tarde, a súa melodía atravesaba o ceo coma un trazo de tinta insolente invade o papel; e canto máis se erguía a liña en tono menor sobre o horizonte, un silencio de veludo, urdido de trompeta e piano, viña a calmar a paisaxe, a calmar o vento, a calmar o mar, facéndome sentir cada vez máis só, cada vez máis acompañado.

“O máis rechamante do Libro das conquistas”, dicía a miña amiga, “non é tanto que describa como Ith divisou Irlanda dende o alto da Torre de Breogán; o máis incrible é que sitúe o acontecemento nunha tarde de inverno, no medio da escuridade”. “Non tes razón”, contesteille, “precisamente ese dato demostra que a visión de Ith é crible e non foi unha lenda; a referencia do tempo é tan peculiar que non pode ser máis que certa, porque o mentireiro sempre mergulla o embuste na normalidade. Se dis que Ith albiscou Irlanda dende A Coruña, pode ser verdade ou mentira; se dis que foi nunha tarde de inverno, entón ten que ser verdade á forza”. “Non estou dacordo”, replicou. “E se seguimos a discutilo noutro lugar máis tranquilo?” tentei. A miña amiga inventou o mellor sorriso de Compostela e contestoume “non estarás a ligar comigo, que estamos falando do Leabhar Gabhála”. Lembrei aquel absurdo debate de mocedade no camiño de Aberdaron, e decateime que o vello libro estaba no certo: nestas terras gaélicas, as tardes de inverno, cando a néboa se concede unha tregua, son dunha claridade de asoballo.

Na compaña de Chet Baker arranquei o coche e baixei a encosta para a vila, apenas unha ducia de casas a carón da praia, no esteiro do rego Daron. A bahía en cuncha, sobre un mar en calma, reflectía o sol da tarde e todo era tan inmenso e desproporcionado, a terra, o ceo, o mar, que o pobo aínda semellaba máis cativo do que era en realidade. Cando Morgan me dixo que a vila tiña mil almas, pensei que novecentas debían ter abandonado xa o corpo mortal, pois non vin casa para tanta xente. E algo diso debía ser certo, porque baixando á vila a mirada do visitante era bourada pola visión do cemitero local, que se extendía con insólito orgullo entre o camiño e a praia. O fermoso camposanto aberto, coas súas grandes estelas, coas súas lápidas ergueitas en menhir ou tumbadas en repouso, xusto na beira do areal, produciume unha peculiar sensación de familiaridade, de estrana quietude… O pequeno valado en pedra que o pechaba permitía a visión completa do campo no que se espallaban ao chou as tumbas, coma na praia se amorean os veraneantes, nun desorde anárquico e vital. “Enterradme sin duelo, entre la arena y el suelo”. De tumbas na praia, con todo, prefiro a de Brassens, “qui passe sa mort en vacances”. Aquí os mortos estaban tranquilamente tomando o sol.

Rematado o camposanto, atopeime nun cruce de camiños na mesma beira do mar. Como souben despois, estaba xa no centro da vila, que consistía básicamente na igrexa que gardaba o cemiterio e en dous hoteis ben xeitosos. Un deles chamábase ‘Gwesty tŷ Nweydd’, que ven sendo ‘Hotel novo’; optei lóxicamente polo outro. Estaredes dacordo que ‘Hotel novo’ e un nome absurdo, porque non di nada da pousada, que fica así agochada, eliminada, ausente da súa cartela. É un fracaso de rótulo; o único elemento que o hosteleiro ten para publicitar o local resulta que non fala del, despréciao, abéirao, para falar do outro hotel, para dicir que é o vello. Cando pos a referencia no teu opoñente, perdes sempre. ‘Hotel novo’ é un berro desesperado: ‘non vaiades ao outro, que se cae’. Nin caso. Ademáis, o hotel vello tiña un nome moito máis atractivo: ‘Gwesty’r Llong Ship Hotel’. Por si houbera algunha dúbida, ofrecían cervexa tradicional. Entrei.

En resumo: unha longa barra, un taberneiro gordo e un único parroquiano, sentado na mesa máis afastada, mirando á porta coma se estivera agardando a entrada dun pirata cunha soa perna. Tras un segundo de desacougo, optei por ir cara a barra e pedin unha cervexa; gustaría de tela pedido en gaélico, pero confeso que non sabía pronunciar ‘cwrw’. O taberneiro gordo púxoma e revirou a cabeza dun modo particular, como amosando curiosidade, como preparándome para unha pregunta. Odio os taberneiros que preguntan, pero que se vai facer… “¿Qué tal o día?” disparou. “Frío”, contestei. “Ven de lonxe?” insistiu. “Estou de paso”, engadín. O taberneiro negou coa cabeza. “De paso? Hacia donde?” Mirei para dentro de min. Terei que lle contar a este home a historia da miña vida?

Emigrei de Galicia a Liverpool, traballei coma unha besta e despois de cinco anos fiquei sen traballo e sen cartos. Esa é a historia. Cando llo dixen a Liz, debeu pensar que xa non lle servía para nada e deixoume. Esa é a mesma historia. Ao meu xefe non lle custou traballo ningún deixarme, pero a pobre da rapaza non soubo como mo dicir. De feito, non mo dixo. Decidiu mandarme un telegrama, tirando a breve: ‘xa non podo máis, quérote, pero non te aturo, abur’. Algo así, creo. Mandouno, pero viviamos xuntos, e cando chegou o telegrama eu non estaba na casa e ela si. Que absurdo todo. Debeu atender ao carteiro con xesto de curiosidade, como dicindo quen mandará isto, e parvadas así. Polo menos, tivo o detalle de non abrir o sobre e reservarme a sorpresa. Deixou o telegrama encol da cómoda e saiu coa maleta. Non volvín a vela. O outro día chamoume; quería que lle devolvera o coche, un fermoso Austin Morris verde que herdara do seu pai. “Para qué o queres, se non tes carnet de conducir”, díxenlle. “Menuda pregunta”, contestou, “é meu e punto”. Consultei un libro de dereito, que me contestou que si, que o debía devolver ao seu dono, malia non saber manexalo. Que inxusta é a vida! Pero unha nota a pé de páxina deume unha pequena esperanza. “Liz, devólvoche o Morris, pero a gasolina do depósito é miña, que repostei o outro día así que, se che parece, gástoa e doucho, limpiño e valeiro”. Protestou, pero nada. A lei sempre ten unha nota ao pé para enmerdar ao próximo. Así que collín o Austin Morris e marchei sen rumbo, dende Liverpool ata donde o depósito me durase, e foi así como entrei en Gales, sen querer. Ben mirado, a historia da miña vida, sen compañeira, sen traballo, sen rumbo, perdido nunha estrada sen saída, non era para ser contada na barra dun bar. Aínda se tivera unha trompeta…

“Veño na procura…. dun barco”, din en dicir. Non sei porque se me ocurriu semellante parvada. O taberneiro miroume e, moi serio e sen aceno de burla, dixo “unha ovella?; e que fai un estranxeiro buscando unha ovella en Aberdaron?”. A situación comezaba a ser incómoda. Era evidente que aquel home non tiña o inglés como a súa lingua materna e, modestia aparte, eu ben sei distinguir entre un barco e unha ovella. Pero, sabedes unha cousa?, non me atopaba con folgos para contradicir ao meu taberneiro, e terlle que explicar o erro, e volta a falar do barco… En fin, como me era irrelevante unha mentira ou outra, seguinlle o xogo. “Verá, perdín unha ovella, e dixéronme que andaría por aquí”. “E como saberá cal é? Aquí todas son iguais”. “Bueno, a miña ten… non sei… unha cor…”

“O noso amigo ven buscar unha ovella dourada”. A voz de trono sorprendeume. O home que esperaba a Long John Silver ergueuse da mesa e veu sentarse canda min. Cun xesto enormemente amigable, pasoume a man polo ombro e seguiu a falar. “Ves do sul, non si? Hai douscentos anos pasou por aquí un español na procura dunha ovella dourada; o malpocado andaba buscando tesouros, e non atupou ren. O certo é que había ovellas douradas nos montes de levante, que conducían a tesouros de cobre, e por iso andaban douradas, de tanto comer o mineral. Isto é certo, non me mires así: seguindo un fato destas ovellas descubriron as minas de Sygun en Beddgelert. Pero aquí non atoparás nada, nin cobre nin tesouro. Aquí hai pedras, auga, ceo, ovellas e xente; a creación do Noso Señor. E non hai lugar máis fermoso en toda a Cristiandade, non si Morgan?”. O taberneiro proseguiu a relación estusiasta: “non, meu amigo, non hai lugar mellor; toda esta terra de Llŷn está no camiño do paraíso, como dicían os nosos maiores. E ben se ve que é así. Vaste achegando para acó e a terra comeza a semellar ao lugar que nos agarda a todos, non te fixaches? De feito, por aquí veñen de cando en vez peregrinos, camiño do máis alá. Pero diso sabe máis o Corwyn”. Dixo tal cousa baixando a voz e apuntando co bico ao seu cliente que, sentíndose aludido, volveu a petarme nas costas. “Non lle fagas caso; refírese a Ynys Enlli, a illa que temos ao solpor; é terra santa. Seica ten unha porta para o ceo e, claro, os galeses veñen para acó de peregriñaxe para logo aforrarse o camiño, que hai xente moi precavida; non sei se me entendes: fan o camiño en vida para non o ter que facer de morto. Dun xeito ou doutro, as almas teñen que pasar por aquí”.

Non podia crer o que estaba a escoitar. Saíndo de Liverpool sen rumbo marcado, remataba atopando un Santo André de Teixido no máis profundo da terra. “De alá de onde veño”, dixen, “hai outra porta semellante”. “Si?” preguntou Corwyn, “pode ser, que o noso párroco di que o ceo ten nove portas de entrada”. “E unha de saída’, retrucou o taberneiro, “que por máis ben que se estea, se non hai porta de saída eu non estaría tranquilo”. Non tiña nada que perder, así que o intentei... “E pódese visitar a illa?” Miraron para min cun xesto divertido e Corwyn, dándome outra palmada que rematou nunha media aperta, berrou entre gargalladas: “así que para iso querías ti o barco, compañeiro”.

Aquela noite durmín coma un neno. E apenas ao mencer, como conviñeramos, collín o Austin Morris de Liz e saín da vila cara o oeste. Outra vez Chet Baker. Gústame porque é un músico que te atende, e ten unha música que te escoita. A maioría das cancións dinche como tes que estar, se alegre, tristeiro, saltarique, señardeiro, repenicoso... O Baker apenas senta ao teu lado e che pregunta que tal. Máis nada. E como aquela mañán me erguera cunha incomprensible emoción, a música soaba emocionante. Que historias! Pero é así, o jazz ven buscarte ben adentro, enreda nas túas entrañas, e logo cántache a túa canción. “Estou ben”, contesteille ao meu trompetista, “en completa soedade, mais en xuntanza”.

Seguindo as indicacións cheguei a Porth Meudwy, onde xa me agardaba Corwyn preparando a súa lancha. “Tiveches sorte”, dixo, “o mar vainos deixar chegar a Ynys Enlli”. Mirei para a cativa chalupa e pensei que, de chegar, sería tremendamente afortunado. Arrancou o motor, indicoume que largara os cabos e saltei como puiden no cascarón. “E o sitio ese que dis ti, cantos mortos ten?” “¿Cal? Teixido?” “Si, a onde vai a xente de viva para non ir de morta”. “Non sei, pouca xente, supoño, non entendo…”. Corwyn berraba por riba do rebumbio do motor. “Aquí facíase a peregrinaxe de vivo para non o facer de morto, pero facíase, claro, cando se tiña que facer, que é cando un está a morrer”, dixo rindo con ganas. “A Ynys Enlli os ingleses chámana a illa dos vinte mil mortos, din que pola xente que foi alá a falecer, para así ter feito a metade do traxecto. Agora andan a buscar un gardián, xa sabes, para o faro e esas cousas, e os diarios ingleses escriben ‘quen quere vivir con vinte mil pantasmas?’ e monecradas así; sonche ben estúpidos, pero así nos vai. Non hai espíritos, non hai ovellas douradas, non hai tesouros”. Corwyn calou. Na costa, rabaños de focas guindábanse ao mar ao pasarmos na lancha. Vinte mil mortos. “E haberá tantos?”, pregunteille. “Se cadra si, pero outros moitos ficaron no camiño e doutros non hai rexistros. Quen sabe onde estará soterrado o español que veu polo tesouro… É posible que estea no camposanto de Saint Hywyn, en Aberdaron. Víchelo? Xa me dirás se hai sitio mellor para vivir, quero dicir, unha vez que esteas morto”.

Tras pasar pola marola local, unha pedra chamada Carreg Dhu inzada de corvos mariños, divisamos xa o lombo de Ynys Enlli. Parecía unha balea. Un monte dondo, cunha lingua de terra que se interna no mar, dáballe a semellanza de estar a medio mergullar, descansando. Unha illa humilde e senlleira; estabamos na agulla norte da lúa en crecente que pecha a bahía de Cardigan, pero aquilo non era a illa de Skellig, chea de aristas, farallóns, rompentes e precipicios atormentados onde os irlandeses instalaron ao seu Santo André de Teixido. Non; aquela era unha terra humana, tranquila, habitable. Descendimos nun pequeno embarcadoiro no centro da illa; cara ao nordés o monte, cara a sudoeste a chanura de terra que remata por completo a península de Llŷn. Optei por subir cara o monte para visitar as ruinas da abadía de Saint Mary, co seu tan ateigado camposanto, e outras vellas pedras espalladas. Corwyn sinaloume algún edificio moderno comentando, con certo desprezo, que o construiran os ingleses ‘para ver paxaros’. E mirou para o faro, alá no lonxe da lingua de terra. “Velo?”, dixo, “é o faro cuadrado máis alto de Gran Bretaña; é ben fermoso, pero a quen se lle ocurriría construir un faro cuadrado?” Asentín con gravidade, eu, que medrara na Coruña á sombra dun faro cuadrado.

Cheguei ao lugar máis alto da illa, chamado Mynydd Enlli, e fiquei contemplando, coma nun prodixio, unha paisaxe que me lembraba todo o meu pasado; o ceo grisallo, a terra malva, o mar verdexo, A Coruña, o Teixido… Pode ser que o paraíso sexa iso: todos os lugares, todas as visións, todas as vivencias estaban alí, perante min. Naquela epifanía de revelación, sentínme o proeiro da humanidade.

Como un derradeiro xesto, case infantil, decidín deixar algo meu. Tomei do peto unha moeda de cinco céntimos coa imaxe da catedral de Santiago e busquei un lugar especial para a soterrar. Unha decisión absurda, xa o sei, pero quería ficar aló dalgunha maneira, gardar na mente aquela paraxe, convencerme de que non fora un soño e, quen sabe, convocarme a min mesmo para voltar pola moeda. Despois de moito matinar, escollín un lugar onde se divisaba todo o mar posible, todo o ceo; erguín unha pedra e fixen debaixo un pequeño burato na terra para depositar a miña catedral. Apenas rascara no chan, topei con algo metálico cun resplandor verde lume. Era outra moeda; tomeina e tratei de a limpar nas herbas. Baixo o verde do óxido, apareceu o brillo dourado do cobre. Era unha moeda española; un exemplar de oito maravedíes de Fernando VII, datada en 1816. E debaixo da orella do noso rei, recoñecín a forma dunha J. Era unha moeda acuñada no batán de Xubia. Apertei a moeda na miña man e parvo de emoción berrei a Corwyn que si, que eu atopara o meu tesouro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario