viernes, 17 de junio de 2016

Nowhere to fly to


 

Saben e respiran, as cousas viven e sinten, coas súas teimas e desexos. É sabido: os zapatos vellos escapan á luz, as neveiras aborrecen aos nenos, os mobles de oficina, tristes e fieis coma un can vello, atenden con fastío as novidades. Por iso produce desacougo vagar por un gabinete alleo. Parecería absurdo, pero María non podía esquivar o insolente escrutinio da mesa, a mirada suiña da cadeira, a conversa calada das grapas e papeis, preguntándose cun ollar de esguello quen sería aquela muller que invadía un espazo resgardado e privado. Un despacho valeiro é unha conversa interrumpida; documentos aboiando na mesa, fotografías esparexidas nos estantes, afeitas a outros ollos, a cadeira revirada no exacto ángulo no que o seu dono a deixou a última vez, o bolígrafo aberto encol o escritorio, o mando do televisor agardando naquel lugar estrafalario que, con todo, parecía ser o lugar escollido, perfecto…. Todo o mobiliario parecía agardar a próxima frase do seu dono, o seguinte paso a dar, disposto así para seguir a falar garimosamente co seu señor, incidindo na prodixiosa conversa entre os homes e as cousas. ‘Ven, apousa aquí o vaso’, ‘onde deixaría aquel libro…’. ‘non o ves?’, ‘non precisas máis luz?’, ‘terma do expedente, que agora volvo’… María pasou a man polo escritorio, para acalmar o dondo perfil de nogueira. ‘Que tal estades?’ bisbou, entre a indiferencia das grapas. Todo estaba parado, inmóbel, coma un reximento agardando polo seu capitán, que estaba a piques de entrar na peza.

Abriuse a porta.

- ‘Ah, María, estás aquí. Xa me dixo Esther que preguntaras por min, síntoo de verdade, estaba no comité. Estes días ando dun lado para outro, é un horror, pero senta, por favor. Déixame recoller un pouco…’

Entrando Luis no despacho, todo pareceu revivir. A mesa, os libros, o ficus do recuncho, mesmo as esquecidas fotografías do estante enfocaron a súa atención no dono que regresaba e aprestáronse, en orde de revista, a se amoldar coma unha luva para os seguintes requerimentos; unha traballada maquinaria que, de súpeto, deixou de prestar atención á muller que entrara.

- ‘Véxote con moito traballo…’ -tatexou María, sentándose. Aínda aquel sentarse non foi sinxelo; houbo de axeitarse con certo xenio e termar dos brazos da cadeira para achegarse á mesa. O asento de invitados era un vello amargado que renxía, farto de recibir a descoñecidos e viaxantes; ben pola contra, o sentar de Luis foi máis doado, apenas un deixarse caer na cadeira de toda a vida, que o recolleu de contado con agarimo no seu colo. Ben se nota, pensou María, que estes mobles aman ao seu dono.

- ‘Non hai queixa polo traballo, María. Será certo que superamos a crise, que sei eu!, pero imos aboiando. Moi malos tempos pasamos… de horror. Pero que che vou contar a ti que non saibas?’

- ‘Tempos malos, como houbo outros bós. Sempre queixas e queixas… Poñamos uns anos por outros, Luis, que a min non me faltou nunca traballo’.

- ‘Muller, non sexas inxusta. Non che faltou traballo porque a empresa soubo organizarse; sabes que tivemos que prescindir de xente. Non che faltou traballo porque a empresa te quere e precisa de ti; es un elemento central desta casa. Pasamos por estreiteces, pero a nómina non che faltou’.  

- ‘Nin a min me faltou a nómina nin a ti o meu traballo, Luis’.

- ‘Iso é unha queixa, María? Porque a verdade non sei moi ben o motivo. Non che acordas ou que? Reducimos a cifra de negocio á metade, ninguén chamaba, non había encargos, e agora…’

- ‘Non é unha queixa, non o entendas así. Foron tempos malos para todos, tamén para min, xa o sabes. Pero resulta que cando veñen ben dadas e a empresa gaña cartos a eito, todo é silencio. Será así: as desgracias se sindicalizan cos traballadores, mentres que coas ledicias non hai solidariedade. En fin, vexo que agora hai un proxecto novo…’

- ‘Un proxecto marabilloso, María, contároncho? Unha gran multinacional, nada menos. Imos deixar de ser unha pequena empresa; sairemos deste foxo xa dunha vez por todas. É unha oportunidade, coma un regalo… Remontaremos, xa verás’

- ‘Xa, deste proxecto te quería falar’.

- ‘Pois chegou de casualidade, non o crerías. O fillo do secretario do comité está saíndo cunha sobriña do seu responsable europeo de marketing, faloulle de nós e… flash! Queren encargarnos unha campaña! Incrible. Viñeron, reuníronse co xefe, todo ben, todo ben. Como son!, Non che podes facer unha idea, María. Esta xente sabe perfectamente o que quere: formato tradicional, anuncios radiados, a nosa especialidade, cuñas de vinte e corenta segundos, sempre coa calidade da nosa empresa. A túa voz en todas as emisoras de España, viches? En toda España! E somos unha empresiña de modestia. Aínda non o creo. Unha bomba…’.

- ‘Si, pasáronme o dossier do proxecto co guión das pezas, e quería falarte disto porque, verás, non sei en que estarían pensando os rapaces do departamento criativo porque, de verdade, non lle atopo moito sentido’.

- ‘Non, non, claro, é que os rapaces non tiveron nada que facer. Esta empresa xa nos trae o formato feito; teñen unha imaxe de marca, María, un perfil moi definido, hai que respectalo. Con outros, hai que deseñar, facer un novelo cos miolos para repensar como serán os anuncios, pero estes… para nada. Teñen un marketing moi traballado, moi rematado, un ‘target’ definido, as cousas que hai que dicir, tran, tran, diálogo, chamada, música, tramo horario… Oe, que son o número un do sector alimentario! Nada, nada, que ven todo xa feito’.

María respiraba con certa dificultade, admirada por un entusiasmo que, por alguna razón, non entendía.

- ‘Pois este guión é unha merda’.

- ‘Se cadra, María, se cadra. Pero a nós que non vai neso? Se hai que facer anuncios, se fan. É o noso traballo’.

María buscou no bolso, confusa, unha folliña; desenrugouna e leuna.

- ‘Moi de mañán, cando o meu pequeno neno se levanta algareiro da cama para ir ao colexio, doulle con todo o meu cariño un gran vaso de…’

Calou, levándose a palma da man á boca.

- ‘En fin, muller, algo cursi si que é, pero entende, son rechamos moi estudados: neno, colexio, gran vaso, todo ten un motivo’.

- ‘Luis, teño que ler esta merda rindo, cun sorriso de feitizo, entusiasmo… Non podo, é imposible’.

- ‘Muller, claro que podes’.

- ‘Non podo, non o farei’ -dixo María, ciscando a folla enriba da mesa-. ‘Nada, non contes comigo’.

Luis pareceu sorprendido.

- ‘Que significa que non o farás? Tes que facelo; non temos outra locutora mellor. A túa voz é unha referencia, María. Recordas o premio que che deron o ano pasado? Esta xente veu buscarte, estou seguro; es a ‘number one’, María. Cantos anuncios levas? Cen, cento cincuenta? Isto é un paso adiante, o paso definitivo, non podes desaproveitarlo. E para todos nós, que che direi? A empresa…’

-‘Deixa de falar da empresa, Luis. Eu son unha traballadora que fai o seu traballo; non me amoles con discursos. Se a empresa gaña moitos cartos, mellor para ela; se gaña menos, pois se sinte; pero déixame en paz, por favor. En fago o meu traballo e recibo uns cartos; punto redondo. Nunca te puxen trabas, non son conflictiva, locutei merdas e merdas, pero esta xa non a aturo. E ti sabes por que’.

Luis baixou a mirada; a súa mirada era lonxana, cínica e garimosa.

- ‘Sinto que penses así, María. Supoño que o xefe se leva máis cartos cando a empresa vai ben; parecerá lóxico, non? Asume o risco, é o dono de todo isto, compromete o seu patrimonio… Pero el non é a empresa; a empresa somos todos nós, son os teus compañeiros, é a xente que está aí fóra. Agora temos un gran proxecto e contamos contigo. Non fales de traballo, fala de oportunidades’.

- ‘Somos persoas, non si, Luis? Escóitame, non podo co proxecto, dame noxo falar desta historia. Xa sabes que Uxío, o meu fillo… quero dicir… maldita sexa, Luis, non me fagas isto’.

Luis estirouse mornamente e, medio debruzado na mesa, puxo a man no antebrazo de María.

- ‘Compréndote, María, non sabes como. Aquí estamos todos contigo para te axudar a superar esta situación. Sei que é moi difícil, e podes contar con todos nós. Pero que ten que ver co anuncio? María, tes que aceitar o desafío, pisar con forza, vivir, que ese cabelo fermoso volva xogar co vento. Non te podes abandonar…’.

- ‘Non sabes o que dis, de verdade; non me fagas chorar. Ti liches o guión? Vaino locutar unha de loito? ‘O meu neno, o meu neno…’ Estás parvo? Non entendes nada? Non podo, non hai anuncio, non hai neno, non hai gran vaso, non hai leite…’.

- ‘Tranquilízate, María’.

- ‘Non me digas que me tranquilice, por favor, por favor. En fin, nada, a ver, espera… xa está, xa estou mellor. Ai. Jesús, que difícil é todo! Disimula, Luis, disculpa este xenio, pero tiña unha cousa dentro que, uff!, cando vin esta merda veume un nó á gorxa e todo foi chorar. Xa estou mellor… Grazas por me escoitar’.

- ‘Xa, pero …o farás?’

María mirouno cos ollos abertos coma soles de verán. Pechounos nun delicado solpor e dixo moi de vagar, baixiño, case para si:

- ‘Non’.

- ‘Entón?’

- ‘Enton, entón que? Pois nada, seguirei traballando coma sempre, non? Chama a Elisa, que ten boa voz e un neno de caravel; que che faga esta xoia, que ela si que é nai’.

- ‘Elisa non serve, xa o sabes; ten unha voz de aboa e, por favor, non a coñece ninguén. A túa voz é inconfundible, muller, pénsao ben, vaiche sentar ben, xa o verás. Que vas facer, sentar aí no recuncho sen facer cousa mentres todos estamos a traballar?’

- ‘Claro que non, Luis. Seguirei co meu, Luis, o habitual: anunciños máis humildosos, cativos, pero máis honestos’.

- ‘Pero María, arestora o proxecto é este; únicamente este’.

- ‘Que queres dicir?’

- ‘Xa cho dixen; este proxecto é fundamental para a empresa; a nosa prioridade é acadar este cliente, coa súa idea e coa túa voz. Que non che gusta o texto, compréndoo e fágome cargo, pero na vida hai que facer cousas que non gustan, María. Agora mesmo non hai outro traballo na empresa que estea a túa altura; se non o fas, non che podo encargar nada’.

- ‘Es despreciable, sábelo? Grabar un audio de chacota sobre a memoria do meu fillo non é algo que non me gusta; é un suicidio moral. E agora ves ti, a que? malpocado, con amenazas? Levo quince anos na empresa, e vasme guindar no faiado coma unha trapallada, deixándome sen nada que facer?’

- ‘María, María, non te alporices. Apenas estou explicando as cousas; non che imos guindar nun faiado. Pero mira, con todo o meu cariño, estás nesta empresa, traballando do que traballas, son as regras do xogo. Es ti quen decide se está dentro ou fóra. Es libre, María…’.

A liberdade. Unha verba chea de espiñas. O chan comezou a abrir baixo a vella cadeira na que sentaba.

- ‘Son libre? Pero que carallada… Isto é un despido?’.

- ‘Muller, depende de ti’.

Pechou os ollos e os mobles deixaron de moverse. Estaba de novo na praia, con Uxío, os dous soiños, coma sempre estiveran. O neno andaba torpemente e caía sobre o cueiro, rindo, buscando a nai coa mirada. Soñou que voaba coma unha gaivota por riba da escena, véndose a se mesma feliz co neno no colo. Unha brétema turbou a visión, e de contado volveu verse na praia, pero agora soa, de pé, buscando o neno coa man sobre as cellas en parasol. Viuse tristeira, murcha, vella; era unha anciá buscando un neno. Mirou para ela e viuse coma nun espello, e tivo medo; medo das enrugas, da debilidade, medo da tolemia, medo do tempo, medo da vellice, medo de todo. Observou á vella percorrer a praia berrando polo fillo perdido, mentres a xente se facía acenos de complicidade… será o neto, señora! Quixo chorar, pero as gaivotas non choran; quixo afastarse, voar lonxe, arrebatada por un frenético degoiro por erguer o vóo, pero decatouse que non tiña ningures a onde voar.

Abriu os ollos, ergueuse da cadeira, tomou da mesa a folla co maldito guión e deu media volta, mentres os mobles comentaban con alivio que todo seguiría no seu sitio.

No hay comentarios:

Publicar un comentario