jueves, 7 de julio de 2016

O meu tatarabó


Aínda despois de escoitar o galo, quixo agardar a chamada dos sinos da igrexa da Encarnación, que non había de ser un animal senón o mesmo Deus quen lle sacara da cama; cando escoitou a chamada á misa, ergueu. Eran as seis da mañán do dezanove de xullo de mil novecentos oito e o tenente coronel retirado don Juan Carlos Keller e García, frente aberta, mirada clara e barba longa e forcada, tiña por diante un día de moito trafego. Asomouse á xanela, que deixara depechada toda a noite; nun mencer limpo e bermello, greas de birrios e anduriñas enchían as sombras de movemento. Chamaron á porta da habitación. Era a pousadeira, traendo auga quente para a xofaina.

- ‘Bos días nos dea o Altísimo. Qué tal durmiu o señor?’

- ‘Descansei, miña señora, que á miña idade xa é cousa de merecer, despois de dous días de viaxe dende Málaga, que lle parece?’

A pousadeira saiu do cuarto e baixou ao salón. Amañou as cortiñas, pechou as fiestras, tendeu as persianas de esparto sobre os balcóns e puxo leite a ferver. Na rúa, xa empezaba a verse xente; ía ser día de moita troula.

Non serían aínda as sete cando unha muller entrou na pousada; vestía de preto, mantón lixeiro de seda, porte elegante e pamela na cabeza.

- ‘Son Matilde Keller Mezquíriz, sobriña de don Juan. Veño atendelo’.

- ‘Por favor, dona Matilde, suba comigo. Don Juan está na habitación, deu orde de non lle molestar, pero supoño que a vostede…’

- ‘Como? Que o meu señor tío está só na habituación? E vostede non mandou ninguén para o axudar? Señora, señora, que o meu tío xa ten máis de setenta anos. Non é un rapaz!’

As dúas señoras subiron ao sobrado e chamaron a porta. Sen agardar resposta, Matilde abriu a porta; don Juan estaba de pe, xunto á xanela, axustándose o puño da camisa.

- ‘Matilde, querida, xa vexo que chegaches’.

- ‘Cheguei, señor tío, e tráiolle unha cousa, que sei que vostede a esqueceu’.

Sacou do bolso unha caixiña e ofreceulla. Don Juan recoñeceuna de contado.

- ‘Pero Matilde, por favor, agradézocho, pero sabes que eu xa non son militar’.

- ‘Non diga cousa, tío, que moito máis guapo estaría de uniforme, como meu pai e como o seu, que era o meu abó! Pero aínda vestido de civil, a medalla non lla perdono. Que todos saiban con quen falan. Velaí. Tamén lle trouxen o bastón’.

- ‘Xa ve’ -díxolle don Juan á pousadeira- ‘de ser militar non aturaría tantas ordes’.

- ‘Marcho, tío, que me agarda Eduardo na praza. E non tarde, que lle gardarei un sitio especial. Abur’.

Matilde baixou ás escaleiras e desapareceu.

Don Juan rematou de vestirse con calma. Con xesto resignado, sacou a medalla da caixa e púxolla na solapa. ‘Premio á constancia militar’ leu con ironía. Non habería mellores casos de constancia militar que a súa! Baixou e preparouse para sair. Non estaba cómodo; co bastón e a medalla, a cabeza pedía unha gorra, pero el deixara anos atrás aquelas disciplinas. Calouse un chapeu malagueño, branco, y saiu á rúa. Daquela foi a primeira bafarada de lume.

En Bailén adoitan dicir que o sol nace en Linares e morre en Andújar. Pero aquel día de xullo parecía que o sol nacera xa medrado no centro da mesma vila.

Non estaba afeito a tanto calor. Era un golpe seco, duro, calor de pedra. Apoiado no innecesario bastón, coma nunha procesión imaxinaria, foi camiñando ata a praza do pobo. Na praza, toda engalanada, con palcos e guirlandas e música e nenos a correr, buscou un sitio á sombra onde sentar; non o deu atopado. Pensou en retornar á pousada, farto e molesto, cando un soldado o veu chamar.

- ‘Don Juan, veña comigo. Dona Matilde chama por vostede’.

Seguiuno. Entraron no edificio do concello e, tras subir ao principal, veu que Matilde lle esperaba xunto a un balcón aberto.

- ‘Matilde, és unha rapaza ben garimosa, caramba’.

- ‘Quere algo, tío?’ -dixo Matilde co seu mellor sorriso.

- ‘Auga, por favor’ -contestou don Juan, sentándose na cadeira, desfeito.

- ‘Tío, disculpe, quérolle presentar… ao meu marido’ -continuou Matilde.

Don Juan, cun certo esforzo, volveuse erguer da cadeira xusto para ver como se dirixía cara el don Eduardo Martínez del Campo, presidente do Tribunal Supremo.

- ‘Don Juan, non se erga, por favor. É unha honra coñecelo neste gran evento que estamos a celebrar’.

- ‘Don Eduardo, o privilexio é meu. Saiba que a miña señora non puido vir comigo. Díxome: ‘discúlpame perante o ministro’. Contesteille: ‘aínda non o é, Leandra, aínda non o é’.

O aludido riu abertamente.

- ‘Iso é cousa de Maura, pero hoxe eu non son o protagonista, son vostedes. Eu apenas estou aquí por casamento coa neta dun combatente. O primeiro centenario da batalla de Bailén, que lle parece?’

- ‘Pois paréceme que son moi vello, señoría. Debo de ser o único fillo de soldado que segue vivo’.

- ‘Non exaxere, don Juan, que ten vostede a miña idade; claro que o meu señor pai non viviu a guerra. É vostede moi afortunado; que non lle terá contado o seu pai destas xornadas épicas! Gardará unha testemuña de primeira man’.

- ‘O meu pai era suizo, señoría, e ben pouco falador. Gustaba de dirixirse a min en alemán, fíxese, lingua que nunca dominei moi ben. De todas formas, direille que, pola miña experiencia, os que participaron nunha batalla cruel, non disfrutan moito lembrándoa’.

- ‘Nin siquiera cando supuxo a gloria de España, don Juan?’

- ‘A dor pode ser grande dabondo, non cre?’

Matilde interveu.

- ‘Mirade, están a chamar xa para a cerebración. Vai comezar o máis divertido, a reconstrucción da batalla. Imos, meus señores, que temos que marchar…’.

- ‘Pero onde imos, Matilde?’

- ‘Ao camiño de Andújar, tío, xunto á noria, onde foi a batalla’.

Don Juan calou. Dende que recibira a invitación para ir a Bailén, tomara a ocasión coa intrascendencia dunha excursión: pero abondoulle aquela palabra, a sinxela mención da noria, para que todo acadara a solemnidade dunha chamada porque resultou que si, que el, cando neno, si que lle escoitara falar ao seu pai, ao vello Jacob, da ‘wasserrad’, da noria que salvara a todo o reximento de morrer de sede aquel día de miseria, pólvora e morte.

En comitiva, todos baixaron polas rúas de Bailén cara os arrabaldos de poente, baixo un sol de castigo; perdeu de vista a Matilde, que andaría coas autoridades. Tanto mellor, pensou, para ir recuperando o tacto das pedras que pisara o seu pai un século antes, para traer a memoria alguna lembranza da guerra, algo que o vello lle dixera… pero non lembraba moita cousa. O seu pai únicamente falaba de Bailén cando viña por casa aquel compañeiro de loitas, suizo coma él, a tomar uns chatos de viño doce. Sendo rapaz, escoitaba tras a porta falar aos vellos camaradas dos lonxanos días do frente, por máis que amosaran máis nostalxia pola mocedade perdida que pola guerra gañada. Lembranzas que lle traían verbas escoitadas en segredo, bourando na súa cachola de neno: ‘wasserrad’, ‘hölle’, ‘feuer’, ‘tod’, ou aquela estraña expresión que repetían, ‘atza ballona’, que non dera sabido que significaba, porque non parecía castelán nin alemá. 

- ‘Disculpe, leva vostede a gran cruz de San Hermenexildo?’

- ‘Seica o é’ -respondeu don Juan- ‘pero non lle faga moito caso; cousas da miña sobriña, que quere presumir de vello. Chámome Juan Keller, e vostede?’

- ‘Perdoe a miña intromisión; meu nome é Niceto Alcalá, deputado. Un pouco axudei a preparar todo isto. É vostede neto de combatente suizo?’

- ‘Agradézolle o cumprido, meu señor, pero son fillo, que non neto, dun combatente no terceiro de Reding. Comprendo o seu erro; o meu señor pai foi tardo nestas andrómenas do matrimonio…’.

O interlocutor rondaba os trinta anos; cara redonda, fino acento cordobés e un bigote afiado sobre a boca.

- ‘Permítalle que lle dea entón a noraboa, señor. Penso que a contribución do terceiro de Reding á victoria ás veces non ten sido gabada como merecía’.

- ‘Pois daquela, señor, pensarei igual que a súa mercede; claro que, nestes tempos de miseria, agora que perdemos Cuba e España xa non é nada, quen se atreverá a dicir que a batalla de Bailén foi gañada por un suizo?’.

- ‘Non dixen tanto, don Juan, non dixen tanto, pero aprezo o seu afán polemista. A axuda dos suizos foi decisiva; non lle quitarei mérito ningún: deixar as súas casas, familias, para vir ata estes campos a loitar, apenas polo que tiñan por xusto, defendendo a españois, sen ter conta de nacionalidades nin fronteiras’.

- ‘Direille unha cousa, don Niceto, e non me malinterprete. O meu señor pai non tiña dezasete anos cando atendeu a chamada dun piquete de reclutamento nunha pequena aldea do cantón de San Galo. Loitar polos españois, defender a civilización moderna, loitar polo xusto, protexer á relixión católica… Quere que lle diga o único motivo que lle levou ao meu pai a se alistar?’ -don Juan tomoulle do antebrazo e susurroulle ao ouvido:- ‘a fame, meu señor, unha fame doente’.

Andando, chegaran xa á noria, a carón do camiño, onde instalaran cadeiras en platea para unha representación.

- ‘Espero que saiba disculpar a modestia da representación’ -díxolle don Niceto- ‘pedimos axuda ao governo francés, pero xa sabe como son; dixeron que para o centenario de Zaragoza sí, pero que para Bailén non. Como aquí perderon… En fin, non estamos agora como para incomodar a Francia’.

- ‘Non lle bote a culpa a Francia, meu amigo; ben sabe que España sempre celebrou máis as derrotas que as victorias’.

As autoridades reserváranse un lugar dacobillo dun gran toldo. Don Juan marchou para alá, baixo un sol de chumbo, buscando a axuda da súa sobriña para atopar unha migalla de sombra. Tivo sorte: Matilde lle gardara un sitio preferente. Diante deles, un locutor dispoñíase a narrar a batalla, mentres nas colinas convertidas en escenario, ducias de mozos disfrazados de soldados imitarían, coma nun xogo de nenos, os movementos das tropas. O discurso comezou:

.- ‘Na gloriosa madrugada do dezanove de xullo de mil oitocentos oito…’

Don Juan fixo chamar por un augador; non aturaría todo o discurso. Por máis empeño que puxera o narrador, a batalla era ben sinxela de explicar: o xeneral Dupont regresaba a Bailén dende Andújar con dez, quince, vinte mil homes, cando se atopou na mesma entrada á vila coa primera división de Reding cortándolle o camiño.  Se cadra, o francés pensaría en dar a volta, pero o xeneral Castaños, velaí a súa contribución, cortoulle a posible retirada tomando a ponte de Rumblar. A partires de aí, a histórica batalla, que durou todo o día, foi a triste loita dos franceses, engaiolados nun foxo, por entrar en Bailén, por gañar non tanto a praza senón apenas a noria coa que Reding daba de beber aos seus naquel día de inferno. Máis de dous mil franceses morrerían antes da noite, vítimas da artillería, das baionetas e da sede; nos reximentos nacionais, as baixas non chegaron a trescentas.

- ‘Verdadeiramente’ -dixo don Juan a don Niceto, que sentara xunto a el- ‘celebrar semellante arrepío, tanta desolación ten algo de funesto’.

- ‘Don Juan, don Juan’ -Juan revirou a cabeza e viu ao marido da súa sobriña sentado tras del- ‘non lle quero molestar, que lle vexo a falar co noso deputado, que lle direi que ten ideas tan brillantes coma avanzadas. Escoite, hai un historiador por aí, non sei se anarquista ou que, que ven de dicir que certos suizos que loitaban con Reding confraternizaron coa xente de Napoleón e deixaron a batalla. Sabe algo disto?’

-‘Eduardo!’ -berrou Matilde- ‘penso que semellante pregunta é indigna dunha persoa coma ti. Os suizos foron tan afoutos e patriotas como os españois, e merecen por igual a honra da victoria. Pídelle disculpas ao meu tío agora mesmo’.

- ‘Muller, eu non pretendía… Perdoe, don Juan, se lle molestei…’

Don Juan non soubo que contestar. Acomodouse de novo, ignorando ao seu interpelante, e díxolle a don Niceto:

- ‘Un suizo loitando contra un francés en España, e aínda lle chaman patriota!’

A narración continuaba; o tono do locutor acadaba unha tensión heroica:

- ‘Véndose arrodeado e incapaz de avanzar, o exército francés tenta desdobrarse polos flancos. Dupont manda as tropas de Dupré e a Garda de Paris a tomar as cotas da súa esquerda, as lomas dos Zumacares e Cruz Branca; pero Reding envía a Vanegas cas forzas das Ordes militares, co apoio do escuadrón de Olivenza, e anulan o perigo’.

Mentres falaba, ducias de rapaces, aló no horizonte, subían e baixaban colinas seguindo as indicacións do guión centenario.

- ‘Da mesma maneira, Dupont quixo abrir o seu flanco dereito, e manda ao reximento de Preux e ao segundo reximento de Reding a tomar os altos de Haza Wallona, lugar onde foron igualmente neutralizados polos valentes membros do terceiro de Reding’.

Pampo do que escoitara, don Juan non advertiu o bufido que agromara nas súas costas; o son viña, novamente, do marido da súa sobriña.

- ‘O segundo de Reding? Pero que parvadeira é esa? Había un reximento de Reding loitando no bando francés? Escoitou vostede iso, don Juan?’

Pero don Juan non reaccionaba, tiña a mente noutro lugar, nunha palabra que, de súpeto, recoñecera. Haza Wallona era un lugar.

- ‘Don Eduardo, ten razón o cronista. As tropas de Dupont presentáronse co apoio do segundo reximento Reding, comandado por Carlos Reding, irmán de Teodoro, que defendía Bailén.’ -Don Niceto tomara a palabra para salvar a situación.- ‘Polo tanto, é certo que tamén os franceses viñeron con soldados suizos; mesmo o reximento de Preux, que tamén subiu á Haza Wallona, estaba integrado por suizos’.

- ‘Dous irmáns loitando un contra o outro! Nunca tal se vira’ -continuou don Eduardo-. ‘Daquela, agora que penso, ben acredito o que dicía aquel historiador: loitaría o segundo de Reding contra o terceiro de Reding, o máis ben compartirían as cantimploras?’

Don Juan xa non puido máis. Cos ollos húmidos pola confusión, atordoado pola sede, canso do día, deuse a volta, chamou para si a don Eduardo e faloulle baixiño, cunha calma contida:

- ‘Compartirían, señoría, compartirían. E non lle parecerá máis humano tal comportamento que o de matarse coma serpes, sendo irmáns de berce? Non lle resulta esperanzador saber que nas crónicas que o futuro ofreza desta batalla miserenta, prolongada nesta caldeira baixo un azul de ferro, se reservará un capítulo para dicir que no flanco sul de Bailén non se loitou porque os soldados se recoñeceron coma iguais? Abofé que daría esta medalla por que tal prodixio, a valentía de desobedecer para non matar, tivera sucedido de verdade’.

Don Niceto, que estivera atento á conversa, quíxoa dar por rematada:

- ‘Non perda esa medalla, don Juan, non é preciso. Hai probas dabondo de tal confraternización: diarios, cartas, mensaxes… Non son quen de o xulgar pero, por principio, a opción de non matar paréceme sempre a preferible’.

- ‘Non sempre, don Niceto’ -retrucou don Eduardo-. ‘O preferible nun soldado é que non refugue do seu deber’.

Don Juan dispúxose a contestar á provocación pero Matilde, advertindo o xesto crespo do seu tío, quixo cambiar de tema.

- ‘Mire, señor tío, a representación ven a rematar. Agora van terminar o acto estrenando una canción composta para este acto; o novo himno de Bailén. Xa verá que fermosura. Non lle gusta a música militar?’

- ‘Como sabes, Matilde, a miña filla Gloria toca o arpa, non che digo máis nada’ -contestou don Juan, visiblemente alporizado. Don Niceto, ao seu carón, riu o comentario.

- ‘Meu señor, é vostede un home interesante’.

- ‘Non se pense, señor deputado; recorde, a idade trae aos homes demencia ou cinismo. Non sei se tiven moita sorte nesta alternativa da providencia’.

Un coro comezou a cantar o himno, baixo un recendo a forno e lume:

‘Ya de gala se viste la Historia

con el manto de fuego y de sol…’

- ‘Moi axeitado…’ -bisbou don Juan.

- ‘E non saberá vostede ningunha cantiga que lle aprendera o seu señor pai? Algunha daquelas marchas das milicias extranxeiras que tanta honra deron…’ -preguntoulle don Eduardo, tentando un achegamento pacífico. Pero don Juan aínda estaba anoxado polos devezos guerreiros do seu interlocutor.

- ‘Non crea, señoría, o meu señor pai era suizo do norte; non lle escoitei cantar na miña vida’.

Rematado o coro, a xente comezou a marchar. Camiñando cara a Praza Maior, Matilde achegouse e tomou o brazo do seu tío.

- ‘Ten razón Eduardo, señor tío. Cántenos algo da guerra. Algo cantaría o abó’.

- ‘Ténteo, don Juan’ -interveu don Eduardo- ‘seguro que algo se lle ven a cabeza; algunha cantiga que nos traia lembranzas daquela xornada histórica, algunha que nos fale de honor, bravura e vitoria…’.

Pero don Juan non respondeu ao sorriso que se lle ofrecía.

- ‘E se a cantiga fala da amizade?’

- ‘Pois tanto ten, don Juan’.

- ‘Entón, don Eduardo, falando da amizade, direille que había unha cantiga, pero non lla escoitei ao meu pai. Aprendina dun amigo de seu, dun colega de armas que viña por casa a miúdo, do único camarada que lle recordo ao vello Jacob. Eu escoitáballes agochado, pero un día aquel home chamou por min, sentoume no seu colo e aprendeume unha vella cantiga da guerra'.

- ‘Por favor, tío, cántenola’ -pregou Matilde.

Don Juan parou un momento; quitouse o chapeu e pasou un pano polo cráneo, húmido de suor. Púxose de novo o sombreiro e, tomando o ritmo co bastón e petando con forza un compás binario, empezou a cantar, desfilando, baixo a mirada arrepiada dos presentes:

‘Ici viennent, ici viennent.
Ouvrez les portes, ouvrez les portes.
Ici viennent, ici viennent,
les dragons de l’empereur,
les dragons de l’empereur...’


No hay comentarios:

Publicar un comentario