martes, 21 de febrero de 2017

Meu neno


..así que non había cousa que facer díxome o avogado coa súa voz xorda apagada gutural de verbas gastadas non hai esperanza frase mil veces repetida eu son o experto confía en min hai moitas probas en contra mellor será non amolar ao xuiz eu non escoitaba porque ti es o meu fillo e os demáis non son nada menos que nada porque a ti te criei dende neno contigo xoguei cando rapaz sempre viviches comigo somos a mesma persoa ti e máis eu así que son eu agora non ti quen está na cadea ou somos os dous quen sabe e teño que te ceibar tes que sair dese inferno temos que sair os dous tes que voltar á casa gardo a túa habitación quencida e axudareite por riba de todo malia o avogado de merda que me insiste con voz triste de locutor triste que non hai remedio e que o demo da policía anda amañando as derradeiras dilixencias para te levar a xuizo e condenarte a ti meu querido fillo polos asasinatos do Pombal polas mortes daquelas mulleres catro dixeron de mala vida prostituidas polo mundo esquecidas pola vida e lembradas agora pola morte coma heroínas pobres coitadas que nada fixeron máis que se poñer dacordo en acusarte a ti meu rapaciño de cabelo loiro a ti que non fixeches cousa mala a ti dende o inferno onde arden para dicir foi el foi o querido fillo de sorriso azul e mirada branca quen acabou connosco quen nos matou pero acusan de balde porque ti non fuches ti non fuches volve a casa fillo e seino porque mirei os papeis estudei todo o sumario e nada non hai nada máis que unha testemuña unha aparvada esquineira quen sabe se bébeda ou perdida á que o asasino pediulle lume para un cigarro de regreso do calexón onde deixara un cadavre exangüe e á luz do chisqueiro mira ti a muller recoñecera a túa cara o teu perfil de santo non se equivocara non podía! era noite pecha pero a pobre muller non tiña dúbidas e xa que logo metéronte á sombra polas catro mortes que as catro foron iguais exactamente iguais escollida a mesma hora a mesma lúa o mesmo lugar a mesma muller porque en realidade todas son iguais o mesmo instrumento mortífero un escoplo segundo o informe forense a mesma ferida no corazón e o asasino marchando entre as sombras que erro cometeu coa última cando a néboa lle apagou o pito e tivo que pedir lume medianoite en Compostela a unha puta especialmente dotada pola natureza para la identificación facial que desgracia que tolemia pero sacareite dese foxo díxenme e así foi cando unha noite marchei para o Pombal non digas nada coa mesma lúa que escollía o asasino co mesmo abrigo longo e busquei unha muller da rúa á que non lle amolara morrer aquela noite de luar e fun canda ela agochando baixo o abrigo un vello desaparafusador o máis grande que atopei no faiado que non sei que cousa é un escoplo nin entendo a lingua de ferro que gasta a policía pero para o conto abondaría co instrumento que non tiña outro así que fun cara a malpocada saudeina con disimulo e cando confiada me amosou o peito que vendía en mercancía chanteille o desapafusador entre as mamas tres dedos baixo o esterno como lera que fixera aqueloutro e caeu ao chan a muller deixando todo perdido de sangue e marcheime de contado mais sen apurar o paso coa idea de que todo o Pombal vira vira o meu perfil afastándose na noite baixo o fume dun cigarrillo que mira que eu nunca fumei sábelo ti ben meu anxo que me da noxo fumar pero para maior finximento tiven que o facer para que ficara claro que o mesmo asasino actuara de novo sen reserva nin culpa que todo o fago polo amor que che teño meu inocente meu adorado neno de mirada azul e sorriso branco non sabes como te quero e non sabes como me aledou o estúpido pailaroco do avogado cando me chamou para me dicir coa voz entrecortada que o xuiz acordara poñerte en liberdade porque o asasino actuara outra vez e daquela estaba claro que ti non podías ser porque estabas en prisión tan inxusta e onde fican agora os indicios preguntei ao abogado ningures contestoume a muller confundírase na identificación porque estaba claro que se trataba do mesmo asasino a mesma escolla o mesmo fume o mesmo todo e como será a cousa engadiu o miserable do avogado que a policía viña de achar analizando as feridas torácicas que as cinco mortes as cinco se causaran coa mesma ferramenta co mesmo escoplo que seica tiña unha pequena e ben característica fenda na folla e non había lugar para a dúbida o mesmo instrumento escoplo escoplo dinme escoplo pero eu non sei que carallo é un escoplo non sei castelán apenas sei que te quero meu neno neno que sempre serás meu...


No hay comentarios:

Publicar un comentario